A Xunta destina 200.000 euros ao Concello da Lama para a creación de 26 prazas de atención residencial e diúrna
Por Redacción
A Xunta destinou 200.000 euros ao Concello da Lama para a creación de 26 prazas de atención residencial e diúrna. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este luns as novas instalacións, onde sinalou que mediante a creación deste novo servizo os veciños desta localidade poderán estar ben atendidos e coidados ao tempo que seguen vivindo no seu lugar de sempre.
O Goberno galego asinou no ano 2020 un convenio de colaboración co Concello da Lama para a construción deste centro que contará con seis prazas de atención residencial e 20 de centro de día.
Deste xeito, mellórase a oferta de atención para darlle ás persoas maiores a oportunidade de decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas.
Fabiola García lembrou que a Xunta aposta por aqueles servizos de proximidade que inciden nesta capacidade de decisión das persoas maiores como o Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais a 27.000 fogares galegos; o programa 'Coidados porta a porta', que ofrece servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria; o programa 'Xantar na casa', que facilita menús semanais, sans e equilibrados a persoas maiores que viven soas; ou as 100 casas do maior que existen por toda a Comunidade.