Proxectan a derriba de tres edificios para construír unha trintena de novas vivendas
Por Alejandro Espiño
O mercado inmobiliario de Pontevedra continúa en pleno movemento. Ás promocións que xa están a se construír ou proxectadas sumaranse moi pronto tres novas operacións. En todas elas contémplase a derriba de edificios actuais para construír novas vivendas.
Quizá o inmoble máis coñecido que sucumbirá á picaraña sexa o situado no número 3 da rúa Arquitecto de la Sota, situado á beira da cafetería Blanco y Negro.
Desaparecerá por completo e será substituído por un inmoble de nova construción, con seis plantas e baixo cuberta, dous sotos e baixo comercial. Nel, proxéctanse sete vivendas. Os seus promotores prevén realizar un investimento superior ao millón de euros.
En Echegaray 22 está o segundo dos edificios que serán derrubados para dar paso a unha nova promoción inmobiliaria.
Neste caso, os promotores proxectan un inmoble de seis plantas e 17 novas vivendas. O investimento previsto superará os tres millóns de euros.
O terceiro e último proxecto engloba dúas vivendas situadas nos números 18 e 20 da Travesía da Eiriña, aínda que con fachada tamén cara á rúa Joaquín Costa.
O novo edificio terá seis alturas, completando as rasantes e alturas da rúa, nas que se construirán unhas dez vivendas, segundo consta na solicitude de licenza. Neste caso, non consta o custo do proxecto, polo que o Concello requiriu máis información.