Sae a contratación pública a mellora integral da Escola de Música de Cerdedo por máis de 71.000 euros
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade saca a licitación pública a contratación da mellora integral do edificio no que se atopa a Escola de Música de Cerdedo. O proxecto conta cun orzamento de 71.049, 72 euros.
Aquelas empresas interesadas deberán utilizar o sistema de administración electrónica do Concello para presentar ofertas con data límite establecida no 15 de febreiro.
O proxecto establece a reestruturación dos espazos actuais para mellorar a eficiencia enerxética, renovar os seus usos e modernizar as instalacións. Tamén se quere potenciar a relación entre o interior do edificio e o patio exterior a través dun vestíbulo, intervención que obriga a elevar a cota do terreo para solucionar as dificultades no acceso.
Para realizar esta actuación, o Concello de Cerdedo-Cotobade asinou un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con financiamento a cargo do Fondo de Cooperación. O conxunto de toda a obra inicial elévase a 77.000 euros.
Entre as propostas recollidas entre o profesorado da Escola de Música atópase a unión de dúas aulas situadas na planta baixa coa demolición do tabique transversal que as separa e o do corredor para crear unha gran aula de ensaio. Tamén se substituirán as xanelas para garantir o mellor illamento térmico e acústico, entre outras intervencións.