O campus quere formar un grupo de baile tradicional
Por Redacción
A Vicerreitoría do campus de Pontevedra organiza un obradoiro no que iniciarse, sen necesidade de coñecementos previos, nos principais ritmos do baile tradicional galego.
É a primeira vez que esta iniciativa se pon en marcha no campus, coa mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Monste Rivera, integrante do grupo Leilía, como docente.
Aberto á participación dun máximo de 18 persoas, este mércores 1 e xoves 2 permanecerá aberto o prazo de inscrición neste curso para os integrantes da comunidade universitaria e, de quedar vacantes, abrirase un segundo prazo do 6 ao 14 de febreiro para o conxunto da cidadanía.
O curso desenvolverá as súas clases nas tardes dos xoves na Casa das Campás entre o 16 de febreiro e o 1 de xuño e trátase, como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, do primeiro paso dunha iniciativa "á que buscamos dar continuidade" e rematar dando lugar á creación “dun grupo estable” de baile no campus.
Como explica Torres, a posta en marcha deste obradoiro "intenta completar un pouco a exitosa acollida da Aula Permanente de Música Tradicional Galega", que iniciou a súa andaina como un obradoiro de interpretación de instrumentos populares e que fixo posible o impulso dun grupo musical que nos últimos meses protagonizou diferentes actuacións.
"Trátase un obradoiro que xa se intentara poñer en marcha hai anos e que por cuestións técnicas non se chegou a realizar, pero que víamos que tiña moita aceptación", engade o director de área respecto deste "curso de iniciación, no que se comezará desde cero".
Nese senso, o propósito é que esta formación, a cargo "dunha profesora de danza que ten publicado ademais varios libros sobre o baile tradicional", permita tanto coñecer os principais aspectos de bailes como a muiñeira e a xota, como iniciarse na súa práctica. De feito, explica Torres, a intención é que os participantes poidan preparar ao longo do curso "unha ou dúas pezas" coas que participar nos concertos que no mes de xuño leva a cabo nas rúas de Pontevedra a Aula Permanente de Música Tradicional.
Relacionadas:
-
A Aula de Música Tradicional actuará cada luns de xuño nunha praza da cidade
Por Redacción |
-
RADIO.- "Vai custar moito que Leilía pare, porque Leilía habita en cada unha de nós"
Por Marisa Ciordia |
-
Despois de dous anos de parón o coro do campus recupera a súa voz
Por Redacción |
-
Defensa e a Universidade "amplían horizontes" para afondar na súa colaboración
Por Redacción |