A exministra Matilde Fernández falará este xoves da "sociedade dos coidados" no Museo de Pontevedra
Por Redacción
"Hacia la sociedad de los cuidados", este é o título da conferencia que este xoves impartirá no Museo de Pontevedra a exministra de Asuntos Sociais do Goberno de España Matilde Fernández, nunha actividade promovida pola asociación de alumnado e antigo alumnado sénior do campus de Pontevedra (Asaexs).
Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid, Fernández Sanz traballou durante 15 anos como psicóloga industrial en diferentes empresas e exerceu como secretaria xeral das federacións de Industrias Químicas e Industrias Químicas e Enerxéticas da UGT, antes de converterse, en 1988, en Ministra de Asuntos Sociais, cargo que desempeñou ata 1993. Fernández Sanz foi así mesmo deputada no Congreso, senadora e deputada autonómica na asemblea de Madrid. Fóra da política, Fernández foi tamén presidenta do Comité Español de ACNUR, do que na actualidade é socia de honra.
A presidenta de Asaexs, Gloria Pérez, explicou que "contactamos con ela porque foi alumna do Programa Universitario de Maiores da Complutense e é unha persoa moi coñecedora da realidade do noso colectivo".
A conferencia terá lugar ás 18.00 horas no salón de actos do Edificio Castelao e trátase dunha actividade aberta a toda a cidadanía, que contará con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Gloria Pérez Prieto sinalou que este é un coloquio inserido na programación de conferencias que promove Asaexs e que, neste 2023, abriu o pasado mes de xaneiro co relatorio sobre a medicina no Camiño de Santiago que o doutor Pedro Gil impartiu na sede da Vicerreitoría do campus.