Pontevedra amenceu coa temperatura máis baixa do inverno, por debaixo dos 0 graos
Por Redacción
Bufandas, gorros, luvas... nada era suficiente na mañá deste luns para facer fronte a un frío que non adoita visitar a zona das Rías Baixas.
As estacións meteorolóxicas de Lourizán e Campolongo en Pontevedra rexistraron as temperaturas máis baixas do que vai de 2023 e deste inverno.
Desta forma, segundo os datos recollidos polo servizo de Meteogalicia, entre as 07.30 e as 08.20 horas, a estación de Lourizán ofrecía temperaturas por baixo dos cero graos situándose ás 07.30 horas en -0.02, ás 08.00 en -0.05 e ás 08.20 en -0.04 graos.
En Campolongo, os rexistros foron lixeiramente máis elevados. Ás 06.10 xa se descendía dun grao de temperatura a 1,5 metros de altura situándose en 0.91 graos con baixadas ata os 0.65 ata que ás 08.30 horas, segundo as mesmas fontes, recuperábase xa o grao de temperatura sen alcanzar valores negativos.
As magnitudes mantéñense baixas desde o 28 de xaneiro cando se rexistraba unha temperatura mínima de 1,9 graos, que mesmo baixou a 1,7 durante o domingo, segundo os datos recollidos na estación de Lourizán. Nesas dúas xornadas chegaron a superarse as 15 horas diarias de frío, dato que se notifica cando os termómetros descenden dos 7 graos. Na fin de semana as temperaturas medias na estación de Lourizán situáronse en 7.4 graos o sábado e en 7.7 durante o domingo.
Espérase que, durante o martes 31, Galicia permaneza baixo a influencia anticiclónica, con circulación de ventos de compoñente leste, frouxos en xeral. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso pero as mínimas continuarán situándose ao redor de 1 grao mentres que as máximas alcanzarán os 15.
A partir do mércores 1 de febreiro espérase unha subida das temperaturas mínimas establecéndose nos 4 graos cun aumento da presenza de nubes e ventos que soprarán do nordeste pasando de lixeiros a moderados ao longo da xornada.
O xoves espérase outro día de tempo seco, con altas presións movéndose cara á zona norte da península. As temperaturas continuarán entre os 5 e os 14 graos con vento que soprará de compoñente leste, frouxo en terra e moderado no mar na zona das Rías Baixas.