Rescatan un maior da residencia de Campolongo camiñando desorientado pola AP-9
Por Redacción
Un usuario da residencia de maiores de Campolongo desorientouse tanto na tarde deste luns que acabou perdido e en perigo na autoestrada AP-9 ata que o rescatou unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.
A situación complicouse sobre as 16.45 horas da tarde do luns, pois múltiples persoas alertaron á Central Operativa de Servizos da Agrupación de Tráfico (COTA) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra da presenza dun peón camiñando por esta vía de alta capacidade.
Estaba, en concreto, ao seu paso pola cidade de Pontevedra e as persoas que chamaron á Garda Civil advertían do perigo da situación.
Unha patrulla do Destacamento de Tráfico de Pontevedra desprazouse de forma inmediata ao lugar e localizou o peón á altura do punto quilómetro 129 AP-9, sentido Portugal.
O home presentaba síntomas de estar desorientado. Primeiro tranquilizárono e logo retirárono da vía e trasladárono á Comandancia da Garda Civil.
Unha vez en dependencias de Tráfico, lograron identificalo e confirmar que se trata dun home de 60 anos usuario da residencia de Campolongo
A Garda Civil púxose en contacto co centro de maiores e confirmáronlle a desaparición desta persoa.
Desde a Garda Civil destacan que a colaboración cidadá, e a rápida actuación dos axentes, resultou fundamental para evitar un accidente, cun máis que probable tráxico desenlace.