Os ingresos directos do Concello de Poio mermaron preto do 2% polas bonificacións
Por Redacción
O Concello de Poio deixou de ingresar durante o ano 2022 aproximadamente uns 70.000 euros con respecto ás previsións iniciais do Orzamento correspondente a ese exercicio.
O edil de Economía e Facenda, Xulio Barreiro, explica que este descenso ten que ver coa entrada en vigor das diferentes bonificacións aplicadas en varios impostos que o Goberno municipal aprobou a principios do devandito 2022.
"Este descenso no apartado de ingresos directos é asumible, tendo en conta que serven para consolidar uns impostos máis xustos, obxectivos e equitativos", indica Barreiro Lubián.
Seguirase con esta liña neste 2023, co novo Orzamento municipal xa aprobado definitivamente, logo de que non se presentasen alegacións á aprobación inicial das contas, sacada cara adiante no Pleno ordinario de decembro a pesar dos votos en contra do Partido Popular. O presuposto ascende a preto de 13,5 millóns de euros, marcando un novo teito histórico.
Con respecto ás taxas, o responsable da área económica do Concello recorda que as solicitudes para optar ao paquete de bonificacións poden tramitarse ou ben a través da propia Administración municipal presentando unha instancia xeral por Sede Electrónica ou directamente ante o ORAL.