Unha chapa de aceiro fronte aos roubos no Banco de Samieira: "Daba pena vir porque cada día desaparecía unha letra"
Por Mónica Patxot & María José Pita
Por terceira vez, o creador do Banco de Samieira tivo que repoñer as letras que dan a coñecer o nome da parroquia onde está instalado e que xa protagoniza innumerables fotografías.
Foi en 2017 cando Miguel Ángel Martínez González pensou que se outros puntos da xeografía galega tiñan 'o mellor banco do mundo', por que non contar cun asento similar na súa parroquia de Samieira, en concreto, no paseo da praia de Laño, mirando cara á Illa de Tambo. Así que se puxo mans á obra, recuperou un vello banco de madeira da casa dos seus avós e procedeu a adaptalo, anchealo e darlle un acabado axeitado para que perdurase no tempo.
O último detalle foi o das letras, realizadas de modo artesanal, unha a unha, polo propio Miguel Ángel en madeira. O salitre do mar empezou a detererioralas. Mentres buscaba unha solución, descubría que en pouco tempo os ladróns fixeran desaparecer a maioría das pezas. Tras estes roubos, Miguel Ángel decidiu cambiar o material das letras e usar uns elementos prefabricados de metal, con menos encanto que as primeiras pero máis resistentes e, sobre todo, supostamente menos atractivas para os vándalos.
Para o seu desgusto, o pasado verán, cando a contorna da praia de Laño rebordaba visitantes, as letras volveron desaparecer. Miguel Ángel asegura que "ata me daba pena vir porque cada día desaparecía unha letra". En contacto co Concello de Poio, trasladouse ata unha empresa local de cartelería para asesorarse sobre a mellor opción. A solución profesional que lle achegaron foi colocar un letreiro dunha soa peza e coas ancoraxes ocultas para que resistise mellor.
Miguel Ángel Martínez recoñece que as letras orixinais, máis artesás e acordes coa madeira do banco, eran máis bonitas, pero espera que esta nova chapa de aceiro deixe de ser atractiva para os ladróns. Os veciños sospeitaban que quizais por capricho alguén levase unha letra por corresponder coa inicial do seu nome, pero ao estar todas as letras nun cartel compacto, esta tentación evitaríase.
PASEO DESDE LAÑO ATA CHANCELAS
Miguel Ángel Martínez é tamén presidente da comisión de festas da Asociación Cultural e Deportiva Andaina (A.C.D. Andaina) de Samieira. Implicado na acción veciñal, avanzábanos que o paseo que une a praia de Laño e o peirao de Covelo terá continuidade ata a praia de Ouriceira, en Chancelas. O peculiar deste último treito é que se realizará en madeira con pivotes polo litoral, seguindo a liña de costa, con tramos voados sobre o mar.
As características deste proxecto demandan autorizacións e financiamento específicos. Por iso, a previsión é que este mes de febreiro o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, Gregorio Agís, se traslade a Madrid para ter unha reunión no Ministerio de Fomento e solicitar os apoios precisos para custear a obra con cargo a fondos europeos para sendas marítimas.