Benestar Social garante que o protocolo de frío vai manterse mentres continúen as baixas temperaturas
Por Redacción
A forte baixada das temperaturas experimentada durante os últimos días e a ocupación total do albergue de Monte Porreiro obrigaron á concellería de Benestar Social a activar o protocolo municipal de emerxencia por frío.
O protocolo conta coa colaboración da Policía Local, Cáritas, Cruz Vermella e unha pensión da cidade. Nesta pensión foi necesario derivar a unha parella e a unha persoa de idade avanzada durante estas xornadas de baixas temperaturas. Segundo explica o concelleiro socialista Marcos Rey, responsable do departamento, o protocolo manterase activado ata novo aviso mentres continúen as actuais condicións meteorolóxicas.
Segundo indica Rey, actualmente o albergue de Monte Porreiro carece de camas baleiras, polo que as persoas que demandan axuda ante esta situación son trasladadas a unha pensión que mantén un acordo co Concello de Pontevedra. Lembra tamén que as asociacións que o precisen poderán remitir á concellería de Benestar Social unha petición do material que consideren necesario como mantas, calcetíns, roupa interior, sacos de durmir ou luvas. O material poderán recollelo na Casa Azul.
O concelleiro sinala que tamén se van a reforzar as subministracións de alimentos quentes no albergue situado na Rúa Irlanda e á poboación que vive na rúa. O protocolo do frío establece que, cando o albergue atópese completo, as persoas poden ser derivadas a unha pensión solicitándoo a través de Cáritas, en horario de oficina ou durante a apertura do albergue; da Cruz Vermella, ata as 18.00 horas; e da Policía Local, entre as 18.00 e as 08.00 horas.
A Policía Local mantén unha especial vixilancia en días de adversos meteorolóxicos detectando posibles casos e recomendando o traslado ao albergue ou, no caso de que fose necesario, a un centro sanitario.
Segundo indica, o concelleiro de Benestar Social, no caso das mulleres e parellas mixtas valorarase a súa situación ata que o novo albergue de Cáritas sexa inaugurado.