Ethel Vázquez supervisa o remate da obra da senda peonil entre Coirados e Cadro
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, supervisou este mércores o resultado dos traballos de construción da senda peonil continua entre Coirados e Cadro, de case 3 quilómetros, que comeza en Pardavila e vai ata a intersección coa estrada provincial que leva ao lago Castiñeiras.
Ethel Vázquez puxo en valor o investimento nesta senda, cuxas obras comezaron na pasada primavera e xa están rematadas logo dun investimento autonómico de preto de 650.000 euros, continúa a xa executada na mesma estrada, na PO-313, entre a saída da travesía de Marín e Pardavila, á que a Xunta destinou 715.000 euros.
O novo itinerario consta de algo máis de 800 metros de lonxitude e executouse pola marxe esquerda da estrada coa finalidade de favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito máis seguro e fomentar unha mobilidade máis sostible e saudable.
A intervención completouse coa mellora da seguridade nunha intersección neste treito, co traslado dunha parada de autobús e a instalación dunha nova marquesiña. Tamén se aproveitou a intervención para poñer en valor o cruceiro existente e crear unha pequena praza pública, ofrecendo aos veciños un espazo de lecer.