O Pleno de Poio aproba o convenio con Portos para a mellora integral da contorna do peirao de Raxó
Por Redacción
O Pleno da Corporación municipal aprobou o convenio para a execución da humanización, dotación de servizos e mellora integral da contorna do porto de Raxó, desde o propio peirao ata a PO-308. Trátase dun proxecto cuxa contía total ascende a máis de 900.000 euros da que o Concello de Poio asumirá o 30% do orzamento.
Este trámite permite xa que Portos de Galicia poida iniciar a tramitación dunha obra que, tal e como recordaron os dirixentes municipais durante o debate, "é unha demanda histórica", pendente de execución desde o ano 2009 e que "será realidade grazas á presión exercida polos colectivos que forman parte da Comisión de Seguimento dos portos de Raxó e Samieira".
O alcalde, Luciano Sobral, amosou a súa satisfacción polo feito de que "por fin esteamos en disposición de que a Xunta inicie unha obra de gran calado, que suporá un gran cambio e transformación da fronte marítima de Raxó".
O rexedor sinala que "o Goberno local fixo os deberes" á hora de cumprir coa tramitación que lle correspondía e sinalou que "agora esperamos que os traballos se leven a cabo o antes posible". Un punto no que tamén coincidiron tanto o alcalde Sobral como o equipo de Goberno foi na necesidade de que se continúe avanzando para que a Xunta dea cumprimento ao convenio asinado en 2009, que inclúe a reforma e recuperación do peirao de Covelo, en Samieira.
Neste sentido, Sobral confirmou que desde Alcaldía xa se lle remitiu unha carta á presidenta de Portos de Galicia para solicitar a convocatoria dunha reunión para abordar este tema, tal e como se acordou na última sesión da Comisión de Seguimento, da que forman parte representantes de diferentes colectivos das parroquias de Samieira e Raxó.
O Goberno municipal ten claro que "hai que continuar esixindo a Portos de Galicia a que cumpra co acordo asinado hai 14 anos", en referencia á "necesidade urxente" que hai de que tamén se complete a reforma en Covelo.
Con respecto ao proxecto de Raxó, cómpre lembrar que finalmente a actuación incluirá as peticións que solicitou o seu día o Concello, recollendo as demandas do tecido social e asociativo. Así, ademais da dotación de servizos de pluviais, abastecemento e alumeado público, a zona tamén contará cun acabado uniforme que irá desde o porto ata o cruce coa PO-308.
A aprobación do convenio realizouse apenas unhas semanas despois de que o Concello recibise o convenio e os informes xurídicos pertinentes por parte de Portos de Galicia. A documentación definitiva foi enviada o pasado 11 de xaneiro, polo que "as tramitacións realizáronse en tempo récord" salientan dende o goberno local.
Relacionadas:
-
Convocatoria veciñal informativa pola reforma do vial de acceso ao peirao de Raxó
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez visita Poio para poñer en valor os investimentos da Xunta na estrada PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG leva ao Parlamento galego a ordenación do porto de Covelo desde a PO-308
Por Redacción |
-
Inminente inicio da humanización da rúa Ramón Encinas de Raxó
Por Redacción |
-
O acordo de mellora da contorna portuaria de Raxó será aprobado no pleno de xaneiro
Por Redacción |