Confirman os cinco anos de cárcere para un home que abusou dunha nena de 13 anos, filla da súa parella
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a pena de cinco anos de prisión para un home que abusou da filla da súa parella, desde que esta tiña 13 anos ata que cesou a convivencia do acusado coa súa nai, catro anos despois.
Os maxistrados do alto tribunal galego desestiman así o recurso de apelación presentado polo condenado, que foi sentenciado pola Audiencia de Pontevedra a outros cinco anos de liberdade vixiada e ao pago de 5.900 euros polas secuelas e os danos morais á vítima.
O acusado, segundo consta como feitos probados na sentenza de primeira instancia, cometeu os abusos no domicilio familiar de Marín entre os anos 2014 e 2018.
Estes episodios sucederon "en varias ocasións e en datas non concretadas, pero de maneira frecuente e reiterada", segundo a resolución xudicial, aproveitándose o acusado da relación de confianza que xeraba na menor a convivencia no domicilio.
Dese xeito, o acusado efectuou diversos tocamentos nas partes íntimas da menor e, mesmo, chegou a entrar no baño cando a nena estaba a ducharse.
Os maxistrados do TSXG subliñan que, a pesar de que o recurso de apelación estaba baseado en que se vulnerou a presunción de inocencia, este dereito é "perfectamente compatible" con que a condena se base nun único testemuño, o da vítima.
Neste caso, con todo, esta condena "non só se asentou na declaración da vítima", segundo matizan os xuíces, senón que "tivo en consideración outros testemuños que a avalaron", como os psicólogos que confirmaron a credibilidade da afectada.
"Non podemos compartir que a sentenza, como o apelante expón, careza de toda base razoable, polo que o recurso debe ser desestimado", conclúen os xuíces.
Contra a sentenza do TSXG cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.