Tres médicos de familia incorpóranse aos centros de saúde de Vilagarcía, Cambados e O Grove
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde incorpora tres novos médicos de familia ao seu plantel de Atención Primaria na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Estes facultativos estarán adscritos aos centros de saúde de Vilagarcía de Arousa, Cambados e O Grove.
As prazas que se ofertaron e que veñen de seren adxudicadas forman parte do proceso selectivo iniciado hai meses, polo sistema de concurso, para o acceso á categoría de facultativo especialista de atención primaria.
Estes tres novos médicos engádense aos primeiros dezaoito médicos especialistas en Atención Primaria que se incorporaron en outubro nas prazas de facultativo nos diferentes centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
En concreto, cinco destas incorporacións foron nos centros de saúde da cidade de Pontevedra, tres en Vilagarcía de Arousa, dous Cambados, dous en Marín e un en cada un dos centros sanitarios de Baltar (Sanxenxo), Meaño, Moraña, Ponte Caldelas, Ribadumia e Vilaboa.
Os novos médicos facultativos de atención primaria desenvolverán as súas funcións e prestación de servizos tanto nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada. Terán un mes de prazo para que se incorporen á praza adxudicada.
Este proceso, segundo o Sergas, tiña por obxecto dar unha resposta adecuada ás necesidades actuais da Atención Primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia.
Esta previsto que no decreto de oferta deste ano se inclúan novas prazas de facultativo de atención primaria, que permitan realizar unha nova convocatoria por este mesmo sistema de concurso para seguir incorporando persoal médico na Atención Primaria.
Relacionadas:
-
A xerente do Sergas reúnese con profesionais da Atención Primaria para mellorar a situación sanitaria en Vilaboa
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Primeira toma de contacto do goberno local de Cambados coa nova directiva da confraría
Por Redacción |
-
Este é o informe da situación na área sanitaria de Pontevedra que o conselleiro expuxo aos alcaldes
Por Redacción |
-
Decepción entre os alcaldes de PSOE e BNG en Pontevedra tras reunirse co conselleiro de Sanidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"Os veciños protestamos pola situación sanitaria. Non somos políticos"
Por Oskar Viéitez |