O investigador Pablo Campo presenta o seu novo libro: "Fisioterapia e enfermidade de Parkinson"
O fisioterapeuta e investigador Pablo Campo presentou este xoves na Casa das Campás o seu novo libro Fisioterapia e enfermidade de Parkinson, que trata a importancia da fisioterapia nunha persoa que sufra a enfermidade de Parkinson.
O acto de presentación comezou ás doce da mañá, acollido pola Vicerretoría do Campus de Pontevedra da Uvigo. A vicerreitora do Campus, Eva María Lantarón, xunto á participación de representantes de asociacións de persoas afectadas polo párkinson, asistiron á presentación do libro.
Segundo explica Campo, Fisioterapia e enfermidade de Parkinson nace coa intención de dar un coñecemento xeral sobre a enfermidade a toda a sociedade, detallando que a fisioterapia actúa como un compoñente moi beneficioso nas patoloxías cun elemento crónico como é o párkinson. O investigador do grupo HealtyFit explica que estas terapias físicas poden chegar a ter un compoñente modificador da enfermidade.
Tal e como explicaba o autor a PontevedraViva, a intención do libro non é só informar, senón incentivar un cambio na conduta dos enfermos e dos seus coidadores para que tomen conciencia de que está na súa man iniciar un cambio na súa perspectiva de vida. Con isto, o autor pretende poñer en valor á fisioterapia como unha disciplina sanitaria, científica e técnica, co valor engadido de que estes tratamentos non empregan ningún tipo de fármacos.
Outro dos elementos para destacar do libro é a súa intención de destapar o medo das familias e os pacientes para emprender este tipo de tratamentos, xa que na fisioterapia abórdase o tema máis aló do que a sociedade coñece.
Sen deixar de lado os síntomas motores xa coñecidos como o tremor ou a rixidez, o investigador fai fincapé noutra sintomatoloxía que afecta o estado de ánimo e ao sistema nervioso autónomo, xa que estes provocan que a moral do paciente vaia decaendo co paso do tempo. Elementos como dificultade para conciliar o soño ou unha fatiga extrema, son os que se poden mellorar co emprego das técnicas de fisioterapia recollidas no libro.
A pesar de que a tendencia neste tipo de enfermidades sexa apostar por ter ao paciente en contornas moi seguras e minimizar os riscos, isto pode chegar a ser contraproducente, segundo explica Pablo Campo. Doutra banda, os efectos dos exercicios fisioterapéuticos teñen unha evidencia de que poden crear procesos de neurorexeneración de tecidos cerebrais.
Grazas a iso, os pacientes poden experimentar unha mellora das súas habilidades funcionais, tales como incrementar a súa capacidade física, ter máis fortaleza nas pernas e brazos e conseguir unha maior flexibilidade, tal e como explica o autor. En definitiva, o obxectivo do libro é mellorar estas capacidades para facer a vida dos doentes o máis normal posible.