Selección de persoal para reforzar o Concello de Cuntis durante seis meses
Por Redacción
Cunha subvención de máis de 127.545 euros procedente do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra financiarase a incorporación de 13 profesionais de distintas áreas ao Concello de Cuntis ao longo de seis meses cunha xornada laboral de oito horas diarias.
Os postos que se ofertan correspóndense a dous traballadores de obras públicas e tres forestais; seis albaneis; un acompañante de camión ou traballadores do servizo de lixos; e un auxiliar administrativo. Todos estes cargos seleccionaranse a través da Oficina de Emprego da Estrada na que previamente deberán inscribirse aquelas persoas interesadas en participar no proceso.
Este incremento de traballadores permitirá, segundo o Concello de Cuntis, ofrecer un impulso a determinadas actuacións municipais en distintos ámbitos e deseñar traballos concretos no terreo forestal.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, considera que estas contratacións supoñerán un balón de osíxeno para o Concello para servizos que reclaman un reforzo de atención coa chegada da primavera.