Carmela Silva, en Valladolid: "O espazo público é un dereito fundamental como a educación ou a sanidade"
Por Redacción
O modelo "sostible e accesible" que impulsa a Deputación de Pontevedra na mobilidade e nas infraestruturas viarias da provincia foi analizado no marco no VII Encontro de Cidades pola Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible, organizado pola DGT e a FEMP en Valladolid.
Ata alí desprazouse a presidenta provincial, Carmela Silva, que participou na mesa Convivencia Segura, xunto á subdirectora xeral de Formación e Educación Vial da DGT, María José Aparicio; o concelleiro de Mobilidade de Valladolid, Luis Vélez; a alcaldesa de Aranda de Duero, Raquel González, e a coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán.
Ante un auditorio ateigado de máis de trescentas persoas, Silva sostivo que o espazo público "ten que entenderse como dereito fundamental como é a educación e a sanidade".
Nesta filosofía enmarcou a aposta polo cambio no modelo viario de Pontevedra "xa que o que tiñamos ata o de agora tiña xerado sociedades enfermas e contaminantes, que non se relacionaban e onde as persoas máis vulnerables, moi particularmente as mulleres, estaban ameazadas pola ocupación do espazo público polos vehículos".
Tras deixar de considerar o espazo público "como propiedade dos vehículos", a transformación impulsada pola Deputación, destacou Carmela Silva, ten permitido xa recuperar moito espazo público para as persoas en toda provincia.
Así, subliñou que se apostou por "construír lugares nos que se socializa, onde a xente é máis feliz e convive, se atopa e ten máis saúde e calidade de vida, onde a economía mellora e os nenos poden deixar de xogar en parques pechados, onde as persoas maiores se senten seguras e no que aquelas con problemas de mobilidade poden saír porque o espazo é tamén seu".
"Cando a xente coñece o novo modelo renuncia ao anterior, reclama vivir en espazos así. Non hai nada mellor que amosar o antes e o despois das políticas de mobilidade desenvolvidas", sentenciou Silva, que defendeu que o mundo local "sabemos moito de transformar".
Iso si, reivindicou que desde as administracións superiores acheguen "recursos suficientes" para que estas transformacións "se executen moito máis rápido".
Relacionadas:
-
Os proxectos da Rede Ágora permitirán gañar 340.000 metros cadrados de espazo público para as persoas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os maiores de Meaño reciben formación sobre o uso do móbil e a banca electrónica
Por Oskar Viéitez |
-
Responsables da Deputación de Cádiz visitan Pontevedra para coñecer o modelo de mobilidade do Plan Ágora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Máis provincias do Estado importan o modelo de recuperación do espazo público a Rede Ágora
Por Redacción |
-
A rede Ágora da Deputación: a revolución do espazo público para as persoas na provincia
Por Noticia patrocinada |