Corenta posibilidades para degustar o mellor da gastronomía artesá de Galicia sen saír de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A praza de España volveuse encher este venres dos sabores máis tradicionais, naturais e, ao mesmo tempo, innovadores de Galicia coa nova edición da Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade 'O Mellor da Terra'. Caramelos en forma de pemento de padrón Doziños, Xacobleas gourmet para aperitivos e sobremesas, a bica de castaña de Amarelante ou as conservas gourmet de El Abuelo Lelo son só algún dos exemplos de gastronomía de maior calidade que ata o vindeiro domingo 5 de febreiro está ao alcance de todos os pontevedreses e visitantes.
O evento feiral, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para darlles visibilidade a pequenos produtores da industria alimentaria, inaugurouse ao mediodía deste venres nunha carpa de arredor de 600 metros cadrados (40 metros de largo por 15 de ancho) que estará aberta durante toda esta fin de semana en horario ininterrompido, de 11.00 a 21:00 horas.
Arredor de 40 expositores amosan os seus produtos e ofrecen aos visitantes a oportunidade de probar algún deles, como os doces artesás elaborados no obrador de pastelería tradicional 'Auténtica Ourensá' de Ourense. A súa responsable, Ana Jiménez, explica como este proxecto "recupera sabores como a manteca de vaca", tan tradicionais na cultura gastronómica galega e que se están a perder.
Bica mantecada, bica blanca, galletas Pitucas de arándanos, chocolate ou castaña e tamén produtos veganos, todos cun sabor que "recorda ó da avoa".
Tamén o visitante pode regresar ao pasado cun bocado do requeixo Restreras de Monfero, nas Fragas do Eume. Tal e como explica Cristina Pérez, faise con leite da súa explotación familiar con vacas de pastoreo.
Unha 'The Chori zone' chama a atención dos visitantes no medio da carpa e, nela, a empresa Cien por Cel de Cenlle ofrece os seus produtos elaborados en base ao porco celta que eles mesmos crían. A liña tradicional de embutidos convive cunha máis "innovadora e rabiosa, algo distinto" que mestura embutido e pementos de padrón.
Tamén mestura de tradición e innovación ofrecen desde Aialma, unha empresa familiar de José Antonio Pazos, a súa muller e os seus fillos asentada en Laza, terra de Peliqueiros, que produce mel e tamén polen e produtos de cosmética como cremas de mans ou protectores labiais.
Os patés de centola de Pepa A Loba; unha selecta variedade de queixos de cabra, ovella e tetilla, as galletas Burriana, a bica de castaña de Amarelante ou os Aceites Embruxo tamén están expostos para a súa degustación e compra na carpa.
O proxecto forma parte da programación de 'Pontevedra Capital Gastro' e este venres, con motivo da apertura de portas, recibiu a visita da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; o concelleiro Marcos Rey e a parlamentaria socialista Paloma Castro.
Blanco destacou que se trata dun proyecto "absolutamente consolidado" que permite dar a coñecer "ese produto noso, de proximidade". Non só hai oferta culinaria de Pontevedra, senón de toda Galicia e mesmo algún exemplo de produtos gourmet e artesás doutros puntos de España, como unha das mellores cecinas de León ou as anchoas de Santoña.
O éxito de acollida da feira notouse nada máis abrir as súas portas na mañá deste venres e agárdase que se confirme durante toda a fin de semana. O pasado ano achegáronse pola carpa 35.000 persoas e este ano agardan repetir notoriedade.
Relacionadas:
-
A praza de España pon en valor os negocios que elaboran produtos sen glute
Por Redacción |
-
Volven á Praza de España os produtos gourmet da feira 'O Mellor da Terra'
Por Redacción |
-
35.000 persoas pasaron esta fin de semana pola carpa de 'O Mellor da Terra'
Por Redacción |
-
Inaugurada a carpa "O Mellor da Terra" con 37 manxares naturais e de proximidade
Por Manu Otero & Mónica Patxot |