A Policía advirte do risco de derrubamento da casa abandonada que ardeu en Campo do Boi
Por Natalia Puga
A Policía Científica da Comisaría Provincial de Pontevedra está a elaborar un informe en relación co incendio dunha casa abandonada o mércores 18 de decembro na praza Campo do Boi e detectou que a vivenda ten risco de derrubamento, de modo que o poñerá en coñecemento do Concello de Pontevedra.
Fontes policiais confirmaron que nese informe se recolle que o estado de abandono previo da vivenda, unido aos danos ocasionados polo lume, fai que o perigo de que a estrutura caia é inminente.
A vivenda, de propiedade particular, está situada a escasos metros do Chalé de Fontoira e do colexio Froebel e rodeada de edificios habitados, de modo que é unha zona moi transitada na que o perigo potencial é maior.
Ademais de realizar ese informe que será remitido ao Concello a Policía Científica mantén aberta unha investigación dende a propia tarde do incendio para lograr esclarecer as causas do acontecido. Os axentes especializados xa desprazáronse á zona para inspeccionar a casa e outros efectivos da Comisaría tomaron declaración aos veciños e testemuñas do lume.
Tras realizar todas esas xestións, existen algunhas informacións que falan de que o lume puido ser provocado por un grupo de nenos, pero, ata o momento, non existen probas que os impliquen directamente. A Policía seguirá investigando. Todo parece confirmar que o lume foi intencionado, pero non hai datos concluíntes sobre a autoría deste.