O xesto bondadoso dunha pontevedresa repórtalle 500 euros catro anos despois
Por Almu Dapena
A Policía Local de Pontevedra vén de realizar a última memoria sobre obxectos perdidos que chegaron ata as súas dependencias co fin de devolvelas ao seu dono lexítimo.
Sen embargo, non todos os obxectos son entregados de volta. E senón que llo digan a E.M., unha pontevedresa que atopou en 2019 unha billeteira con máis de 500 euros, a entregou á Policía e o seu dono non apareceu.
Segundo explicou a PontevedraViva, a billeteira non tiña documentación e decidiu entregarlla a Policía co fin de que a devolvera a persoa que a perdera. Pasaron catro anos e foi precisamente este mesmo martes cando a chamaron para informarlle de que o diñeiro perdido pasaba a ser seu.
A pontevedresa confiaba en que, ao tratarse dunha cantidade importante de diñeiro, o seu dono aparecese, polo que, que lle dixeran que podía pasar a recollelo polas dependencias policiais foi algo que "no me esperaba", comentou a este medio.
De todos os obxectos que recepcionou a Policía Local de Pontevedra entre os anos 2019 e 2022, logrou entregar o 81% aos seus donos lexítimos.
Nesta última memoria realizada, indican que este 2022 foron abertos 916 expedientes, dos cales 590 xa foron resoltos e 326 continúan en depósito. Aclaran que moitos dos obxectos poden conter outros dentro, como bolsos ou mochilas, polo que é posible que a cifra real supere os 2.000 obxectos. Nos últimos tres anos, a cifra total é de 6.804 obxectos recollidos.
A Policía Local custodia todo tipo de obxectos, ademais dos cartos que conteñen os bolsos ou billeteiras. Neste sentido, o corpo municipal recibiu 25.558,38 euros, dos cales, 18.480,68 euros foron entregados, ben ao seu dono, ou ben á persoa que achou o obxecto que os contiña, tal e como establece a lei. No 2022, as cifras foron de 8.327,9 euros en total, devolvéndose 4.409,9 euros.
OBXECTOS ENTREGADOS E EN DEPÓSITO EN 2022
O artigo 615 do Código Civil di que "pasados dous anos, a contar desde o día da segunda publicación, sen presentarse o dono, adxudicarase a cousa atopada ou o seu valor ao que a achase". Segundo a Policía Local, é habitual a entrega do obxecto atopado transcorrido dous anos sen que apareza o seu propietario, especialmente cando son obxectos de valor.
Explican que trala entrega do obxecto atopado por parte da oficina de Obxectos perdidos, proceden á identificación da persoa que o atopou así como ao rexistro do obxecto atopado. A partir dese momento inician un procedemento cuxo obxectivo é atopar ao seu lexítimo propietario polo medio máis rápido: teléfono, carta ou na propia oficina de obxectos perdidos da Policía Local cando a persoa que perdeu o obxecto toma a iniciativa.
Os obxectos dos que non sexa posible a identificación do seu propietario quedan en dependencias policiais e, transcorrido o prazo legal, son entregados á persoa que atopou o obxecto. Precisamente foi o que lle pasou a E.M. e a outras seis persoas que acudiron as dependencias a recoller 150 euros, 100 euros, unha billeteira con 30 euros, unha cámara de fotos, o obxectivo de cámara de fotos e un reloxo.
Relacionadas:
-
Un cento de condutores acabaron no xulgado en 2022 por alcoholemia positiva
Por Natalia Puga |
-
Medran as persoas que conducen sen carné, a maioría porque perderon todos os puntos
Por Natalia Puga |
-
Un veciño de Combarro entrega á Policía unha mochila perdida con 1.600 euros
Por Oskar Viéitez |
-
Atopa 850 euros tirados nunha rúa de Campelo e entrégaos na Policía Local
Por Alejandro Espiño |
-
Aparece o propietario da carteira encontrada nunha rúa de Pontevedra con 407 euros
Por Redacción |
-
Perdeu vostede unha carteira con "certo diñeiro"?
Por Oskar Viéitez |