A solidariedade pontevedresa supera todas as expectativas e envía 1.051 zapatillas con 'Pontevedra Corre X Guinea'
Por Natalia Puga
Dificilmente podía imaxinar o equipo que en decembro impulsou a iniciativa 'Pontevedra Corre X Guinea' que lograrían xuntar tanta solidariedade entre os pontevedreses. Pedían material deportivo para enviar a unha zona rural de Guinea Bissau e o seu chamamento foi tan exitoso que xa empezou o seu camiño cara ao país africano unha partida con 1.051 zapatillas.
Álvaro Rodiño, un dos 'runner' que puxo en marcha esta iniciativa, explicou este sábado que a poboación se envorcou e superaron todas as expectativas. A ONG Silo Gambasse a través da que van canalizar a axuda adoita recoller en Barcelona un centenar de zapatillas e en Pontevedra esperaban entre 15 e 20. O propio Rodiño tiña a esperanza de chegar a 100, pero "co que non contaba nin de broma era con 1.051".
"Dinme ao principio que iamos conseguir 1.000 e non mo cría nin de broma", recoñeceu este sábado durante unha quedada solidaria na praza da Peregrina na que as persoas que máis se implicaron na iniciativa xuntaron todo o material recollido e saíu a correr.
Esta solidariedade non só chegou desde Pontevedra, senón que recibiron zapatillas de Madrid, de Ciudad Real e de distintas partes de Galicia. "Hai xente que mesmo cruzou toda Galicia para traelas persoalmente", explica Rodiño, que engade que mesmo hai algunhas con etiqueta, sen estrear.
O equipo de 'Pontevedra Corre X Guinea' realizou un primeiro filtro para quitar todas aquelas que non reunían as condicións para envialas e un segundo filtro con aquelas que estaban ben, pero non eran adecuadas para o clima deste país africano, como as de inverno, por exemplo.
Este sábado encheron boa parte da praza da Peregrina coas que están ben para enviar.
Unha furgoneta da empresa Tipsa cedida de forma altruista sairá xa cara a Barcelona, desde onde a ONG coa que colaboran fará un envío con destino a Guinea o próximo 11 de febreiro.
Primeiro enviaranse nove maletas coas zapatillas de tallas infantís, entre 300 e 400, que son as que "máis urxía conseguir" para enviar a un colexio. Todas chegarán ao seu destino grazas a unha solidariedade extra de empresas e colexios de Pontevedra que pagaron pórtelos do envío. Foron custeadas por Cerámica Campo, Pontevedresa Group, APE galicia, Maquieira Agro e o profesorado do colexio Calasancio.
Relacionadas:
-
A toda mecha en Gambasse coas zapatillas doadas desde Pontevedra
Por Redacción |
-
A comunidade educativa volve envorcarse pola paz e contra a violencia
Por Redacción |
-
Organizan en Pontevedra unha recollida solidaria de zapatillas de running para enviar a unha zona rural de Guinea Bissau
Por Redacción |