O rego de plantas e a limpeza de malas herbas tamén son materia de videoxogo
Por Redacción
O Centro Social Leste de Pontevedra foi testemuña durante os últimos días de todas as posibilidades que existen á hora de crear videoxogos. A través da HobbyPont, que este ano recuperou o seu formato presencial, os participantes enfrontáronse ao reto de crear un videoxogo en menos de 48 horas.
A cita celebrouse baixo o paraugas da Global Game Jam, un evento en liña no que participan miles de creadores e creadoras do mundo nesta sesión maratoniana, e este domingo recibiu a visita do concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña.
Os participantes traballaron desde a tarde do venres ata a tarde deste domingo para dar a luz as súas ideas, que inclúen un videoxogo de xestión de recursos a través do rego de plantas e limpeza de malas herbas, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, colaborador do evento.
Esta é xa a segunda edición da HobbyPont e pensouse para un máximo de 50 participantes desde Pontevedra, entre programadores, deseñadoras, guionistas, músicos ou debuxantes.
Forma parte dun evento que se desenvolve en máis de 700 localizacións en todo o mundo de xeito paralelo con preto de 48.000 participantes na súa última edición.