Máis de 300 persoas acompañan a Gregorio Agís na presentación das súas "credenciais" para ser alcalde de Poio
Por Redacción
Máis de 300 persoas, entre afiliados, simpatizantes e cargos políticos do PSOE, acompañaron na noite deste sábado a Gregorio Agís nunha cea no restaurante La Brisa de Lourido na que presentou as súas "credenciais" para ser o próximo alcalde de Poio.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Poio presentou un proxecto aberto que lidera para "poder gobernar sen ataduras", cunha maioría que permita ao seu partido continuar transformando e modernizando Poio, pero non como socio de Goberno, senón como alcalde.
"Percibimos entre a veciñanza ese desexo de facer do PSOE o partido da Alcaldía, cunha maioría que nos permita desenvolver os proxectos que temos pensados para Poio", sinalou Agís, que prometeu traballar cunha estratexia "seria, ben estruturada e sen vender fume nin ocorrencias".
Agís estivo arroupado por unha ampla representación do PSOE pontevedrés. Non faltaron deputados, senadores, representantes no Parlamento de Galicia nin os máximos responsables do partido na provincia, entre eles, a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o secretario xeral por Pontevedra, David Regades; e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
O candidato estivo acompañado tamén pola que será a número 2 na candidatura, Silvia Diaz, responsable de Avante Poio e integrante do goberno local coa que asinou un pacto para presentarse xuntos ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio.
Silvia Díaz, definiu esta candidatura conxunta como "un proxecto de impulso para o noso municipio", formado por xente con "capacidade de traballo en equipa e que comparte unha mesma visión para Poio".
Gregorio Agís agradeceu o paso dado por Avante Poio e aproveitou para adiantar que o PSdeG-PSOE fará unha campaña propositiva, para explicar os seus proxectos, e non entrará "na trampa das provocacións dun PP que xa comezou a súa campaña sucia, con bulos, perfís falsos, fake news e supostos portais de novas en Internet".
"Nas próximas municipais só hai dúas opcións: ou nós ou iso", sinalou en alusión ao PP e adiantou que a súa candidatura terá persoas con capacidades de traballo ben demostradas e con experiencia en colectivos e iniciativas en favor do Concello e do tecido asociativo.
David Regades destacou que tivo "a visión" de "desatascar a depuradora que a Xunta non quixo construír" converténdoa na depuradora de dous concellos, abrindo así a porta para que o Goberno central puidese financiala. E amosouse convencido de que, no seu mandato, fará realidade o polígono de Fragamoreira, acabando con outro dos históricos bloqueos da Xunta en Poio.
Carmela Silva sinalou que, froito do seu traballo diario con Gregorio Agis como deputado provincial, pode afirmar que "a súa capacidade está máis que probada" e destacou que o pacto con Avante Poio demostra "a valentía e a capacidade de sumar talento ao servizo de Poio".
Relacionadas:
-
Zona Franca ofrece un estudio técnico para impulsar a creación do polígono empresarial de Fragamoreira
Por Redacción |
-
Gregorio Agís presenta novos integrantes da lista do PSdeG-PSOE para "gobernar Poio"
Por Redacción |
-
Unha de cada tres candidaturas do PSdeG-PSOE para as municipais estrearán cabeza de lista
Por Redacción |
-
PSOE e Avante Poio, unidos nun proxecto "conxunto e integrador" para as municipais
Por Alejandro Espiño |
-
Gregorio Agís, presentado como candidato do PSOE en Poio: "Queremos a alcaldía"
Por Diego Espiño |