César Poza, confirmado como candidato do PSOE para manter a Alcaldía de Vilaboa
Por Redacción
O actual alcalde de Vilaboa, César Poza, repetirá como candidato do PSOE á Alcaldía nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio.
A militancia socialista de Vilaboa confirmou a Poza como candidato nunha asemblea ordinaria celebrada este domingo na que deu o seu aval á liña de traballo desenvolta durante os dous anos que leva ao fronte do Concello de Vilaboa.
César Poza e a militancia matizaron xuntos o proxecto global que os socialistas queren para Vilaboa. Tal e como sinalou o partido a través dun comunicado, entre os seus plans está desenvolver unha rede viaria reformada baixo as premisas de accesibilidade universal, plataforma única e calmado de tráfico.
Ademais, Poza adiantou un programa de traballo baseado no benestar das persoas, con programas sociais de máxima cobertura pero sobre todo coa mirada posta no futuro, na implementación de políticas que garantan o desenvolvemento industrial que Vilaboa necesita para consolidar chan atractivo para as empresas.
O candidato socialista tamén insistiu na importancia de crear un núcleo de centralidade que parte de O Toural, zona que concentra todos os servizos e sobre a que debería pivotar o crecemento urbanístico, residencial, do municipio.