Estiman que esta primavera a antiga ponte do ferrocarril será un "balcón fermoso" sobre o Lérez
Por Redacción
A rehabilitación e acondicionamento para uso peonil e ciclista da antiga ponte do ferrocarril "xa toma forma", segundo destacou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que confía en que nesta primavera quede convertida nun "balcón fermoso" sobre o Lérez.
O tempo asollado destes últimos días permitiu que a empresa adxudicataria deste traballos, Elsamex, teña "moi avanzadas" as obras do sendeiro accesible que este proxecto, valorado en algo máis de 185.000 euros, propón entre a praia fluvial e as vellas vías.
As actuacións están a centrarse na retirada de tocóns e de rochas de grandes dimensións cunha máquina retroescavadora. A continuación, os operarios abordarán a construción do muro de mampostería dotado de varanda que fará máis seguro todo este traxecto.
"A creación deste miradoiro, cuxas vistas son absolutamente privilexiadas e espectaculares, é tan só un primeiro paso desde ambicioso plan que deseñamos para conectar Pontevedra con Barro e O Salnés a través dunha gran vía verde", subliñou o responsable municipal.
O proxecto traducirase nun tratamento de formigón sobre a ponte do ferrocarril, que substituirá á pedra que a vía ten neste momento; no cambio da varanda actual para facer unha máis segura e nunha dobre conexión da ribeira esquerda do río coa praia fluvial.
Esta última cuestión resolverase cun itinerario accesible a través dunha senda en zigzag cun pavimento de formigón máis brando e unha escaleira de madeira que subirá directamente desde a zona na que se atopan a cafetería e os baños da praia fluvial.
Ademais, Elsamex realizará un axardinamento e tratamento con especies arbustivas de todo o noiro existente entre a cota da vía e a da avenida de Bos Aires, a iluminación de todo o ámbito e un tapiado provisional da boca do túnel que dá cara á parte de Lérez.
Iván Puentes agarda que, nun futuro, o sendeiro que percorrerá o miradoiro sobre o río teña saída na beira da parroquia de Lérez, coa que se conectará a ponte co camiño que baixa pola marxe dereita do río, cun novo paso peonil e ciclista entre Lérez e Monte Porreiro.
A conexión de este trazado coa estación de tren sería a fase final desta actuación, discorrendo por terreos municipais e atravesando a avenida de Bos Aires e as zonas de Tafisa e Valdecorvos.
Relacionadas:
-
Abre o novo miradoiro sobre o Lérez tras acondicionar a antiga ponte do tren
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O alcalde de Pontevedra reclama unha rede ferroviaria de cercanías
Por Oskar Viéitez |
-
O acondicionamento da antiga vía do tren sobre o Lérez é "inminente"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |
-
A vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez reabrirá este ano convertida en senda peonil e ciclista
Por Alejandro Espiño |