Un comité de expertos avaliará un novo contrato do servizo de Recadación
Por Redacción
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, anunciaba este luns a aprobación da prórroga, durante un ano máis, do contrato de Recadación do Concello de Pontevedra.
O futuro contrato, segundo informou a concelleira, será o primeiro da administración local no que un comité de expertos avaliará as ofertas que se presenten ao concurso. Gulías explicou que se traballa con novos procedementos para poñer en valor e axilizar os recursos administrativos do Concello.
O goberno local quere apostar pola subrogación do persoal deste servizo de Recadación como sucede noutros contratos municipais.
O Concello pontevedrés tamén informaba este luns da concesión dunha prórroga temporal para xestionar as axudas Supera, a última delas para resolver flocos que quedaran pendentes como os procesos de xustificación. Tramitáronse 3.500 expedientes, explicou Anabel Gulías, cun movemento de máis de 1.800.000 euros en xestión deste plan.
Esta prórroga permite que o persoal implicado se manteña un ano máis.
Por outra banda, tamén se aprobaba pola Xunta de Goberno local a modificación do contrato de combustible para vehículos, maquinaria e calefacción do Concello, pertencentes ao lote 1. A portavoz municipal indicou que a modificación se vai ao máximo alcanzando un 20%. Engadiu que se traballa en novos pregos, atendendo ao incremento do prezo dos combustibles e das materias primas pero mostrou as súas dúbidas en relación a que a modificación chegue a facerse cargo de todo o incremento de prezos.
Neste sentido, lamentaba a inestabilidade actual e explicaba que "se unha administración ten problemas para facer fronte á suba" entendían os problemas aos que se enfrontan os particulares e as medianas e pequenas empresas.