Así quedará a carballeira de San Xusto tras o seu acondicionamento paisaxístico
Por Redacción
Case 265.000 euros vanse a investir finalmente no proxecto para o acondicionamento paisaxístico do entorno e accesos da Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade.
Trátase dunha actuación incluída dentro do primeiro Pacto pola Paisaxe que se asina en Galicia. A Xunta asumirá o 70% do custo das obras e o Concello, o 30% restante. Os traballos serán executados pola empresa Coviastec.
A intervención prevista en distintos puntos de todo este ámbito está pensada para conseguir unha visión de conxunto harmónica e acorde aos valores que aquí se atopan.
O proxecto identifica tres zonas de actuación, a primeira delas o primeiro aparcadoiro de 894 metros cadrados totalmente cubertos e impermeabilizados polo asfalto.
Nesta zona levarase a cabo a fragmentación do asfaltado existente, intercalando zonas de vexetación que permitan a infiltración da auga no sentido das actuais escorrentías, minimizando a velocidade de auga a través desas barreiras naturais.
No bordo desta intervención cara á carballeira plantarase una fila de carballos autóctonos, dando continuidade á zona de arboredo. Desta maneira quedan ocultos os exemplares de carballo americano que rompen actualmente coa imaxe da carballeira centenaria.
Crearase tamén unha zona de aparcamento no lateral esquerdo cun pavimento filtrante con lastros e herba baixa entre eles. Entre esta zona de aparcamento e a plantación dos novos carballos crearase un percorrido peonil cun pavimento de lastro con xunta aberta.
Na outra banda da calzada crearase igualmente unha tira de lastro con xunta aberta para o percorrido peonil e o aparcamento cando sexa preciso en épocas de máis afluencia. No bordo, acondicionarase a canle de auga que continúa ata a fonte que xa existe actualmente.
O borde norte da carballeira, cunha superficie total de 907 metros cadrados, ten as mesmas características de impermeabilización que a anterior. Aquí, o asfalto incluso chega ata a capela e afoga dous carballos que quedaron no medio.
Aquí se procederá ao tratamento da contorna traseira da capela e todo o borde norte, onde se fará unha adecuación con vexetación baixa e unha protección do ben de interese cultural cun muro-banco de pedra na zona de bordo. Así, a capela quedará distanciada da calzada.
Ademais, recortarase o asfalto ao seu paso pola zona da fonte e faise un cambio de pavimento sendo o novo un lastro que permita marcar a diferenciación e resaltar a importancia da fonte.
A transición entre ambos créase con grandes pedras que cruzan a calzada e enmarcan a fonte tanto no chan como coa creación dunha parede posterior que a protexe.
En canto aos carballos que se atopan no interior da estrada óptase por limitar a calzada ao seu paso polos mesmos, eliminando o asfalto necesario para que mellore a súa implantación. O vial, polo tanto, queda reducido e dividido neste punto, limitando o ancho dos carrís.
A terceira zona, por último, ten unha superficie total de 2.053 metros cadrados e unha organización moi semellante á da zona primeira: unha calzada de asfalto e unha zona de aparcadoiro en continuidade material coa vía.
Esta zona, actualmente destinada a aparcadoiro, converterase nunha zona verde que albergará, tan só nos momentos de maior afluencia, unha zona convertible a aparcamento, grazas ao seu pavimento drenante de herba baixa que terá unha estrutura de reforzo.
Na beira esquerda continuarase con percorrido peonil a través desa zona natural de herba baixa en continuidade coa carballeira. Ao remate do noiro disporase unha beiravía drenante para a infiltración das augas de escorrentía.
Cara á pendente plantaranse novos carballos e sitúase un percorrido que une os bancos de pedra co miradoiro proposto e a zona de mesas.
Este lugar funcionará ás veces como campo da festa, polo que os técnicos consideran que non convén enchelo de mobiliario que poida dificultar a implantación da festa nun futuro. Só se instalarán mesas de pícnic e os bancos de pedra onde se tallará a cantiga do San Xusto.
A intervención se remata neste punto tamén cun cruce sobre a calzada con pedras de grandes dimensións e o cruce da canle de auga que recolle as augas de escorrentía que non conseguiron infiltrarse na cuneta drenante.
Por último, o miradoiro está pensado como unha estrutura en voadizo que partirá da cota á que se atopa o merendeiro e voará no punto no que comeza a baixar a ladeira.
A estrutura será unha estrutura metálica que a través de vigas e piares que a vincularán ao terreo cunhas zapatas de formigón. Os acabados do chan e varandas serán en madeira tratada.
Ademais, crearase un novo proxecto lumínico para toda a zona que buscará dar unha uniformidade e unha iluminación tenue que non sexa demasiado invasiva, xa que non precisa dunha intensidade moi alta para o desenvolvemento de actividades.