Os "ecoperegrinos" propician a plantación de 625 árbores autóctonas nunha hectárea de bosque en Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez
Ecoembes levou a cabo este luns a plantación de 625 árbores autóctonas nunha hectárea de bosque en Caldas de Reis. Esta actuación enmárcase dentro da campaña Camiño da Reciclaxe, centrada no coidado e a conservación das rutas xacobeas ofrecendo ferramentas a peregrinos e albergues para fomentar a reciclaxe e o turismo sustentable.
O acto de plantación de carballos, bidueiros e cerdeiras é resultado da colaboración prestada polas persoas que o pasado verán selaron as súas Compostelas de "ecoperegrino" nos albergues que participan activamente na campaña.
En total, no verán de 2022, recolectáronse 141 toneladas de envases nos 214 albergues que colaboraron nesta edición da campaña.
Co fin de dar visibilidade ás boas prácticas no Camiño, fíxose un chamamento para que todos os participantes nesta campaña subisen a Instagram ou Twitter unha fotografía da súa Compostela con tres selos de ecoalbergues empregando a etiqueta #ecoperegrino.
Cos 625 exemplares de hoxe, xa son máis de 2.000 as árbores coas que se repoboaron montes de distintos puntos de Galicia grazas a esta iniciativa.