O 81156 reparte sorte en Bueu: un quinto premio vendido por máquina
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ás 11.30 horas da mañá a sorte chegaba á bisbarra do Morrazo. Os Nenos de San Ildefonso cantaban o 81156, premiado con 60.000 euros a serie, un quinto premio moi repartido que se vendeu en diversas localides galegas, entre elas, Bueu. As outras agraciadas foron Santiago de Compostela, Laracha e Val do Dubra, na Coruña
Vanesa Entenza Nores, o titular da administración de lotaría número 1 de Bueu, poñíase ao teléfono aos poucos minutos, aínda sen confirmación oficial de que tivese vendido o número, pero "contentísima de que haya caído en el pueblo". Mentres fala con PontevedraViva interrómpena. Xa está en disposición de dicir que repartiu sorte: "Me están confirmando. Sí, lo vendimos por máquina".
A administración de lotarías situada na rúa Eduardo Vicenti de Bueu repartiu un décimo deste quinto premio, o que implica 6.020 euros. Descoñece a quen llo vendeu, pois foi alguén que pediu o número por máquina.
Vanesa Entenza leva tan só dous anos á fronte desta administración, na que antes traballou como empregada durante 11 dos seus 32 anos de historia. Dende que colleu o traspaso, é a segunda vez que vende por máquina un premio destas características. No Sorteo do Neno de hai dous anos xa repartiu un segundo premio, pero tiña a 'espiña' do Sorteo Extraordinario de Nadal.
Este domingo, canta con xúbilo: "por fin me estreno" e comparte a nova cos escasos clientes que entran no establecemento. A pesares de non ser día de atención ao público, abreu a porta, pero achegáronse ao lugar máis xornalistas ca veciños de Bueu. Cos poucos que pasaron, quixo brindar con champán pola sorte repartida.
A provincia tivo fortuna noutras localidades como Vigo ou O Rosal. Neste último municipio do sur da provincia vendeuse unha das series do número 62246, agraciado co 'Gordo'.
En 2012, o 85045, un cuarto premio, vendérase íntegro en Pontevedra na administración da rúa Don Gonzalo. Del, a aseguradora AMA de Diego Murillo quedouse con 36.000 euros.