Os números baixos tamén tocan: o 05721 deixa un quinto premio en Pontevedra
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Fíxose esperar, pero o Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal agraciou finalmente á cidade de Pontevedra. A sorte chegou co penúltimo dos quintos premios en saír do bombo, cando xa a esperanza dos pontevedreses estaba posta tan só nas pedreas, e, ademais, cun número deses que moitos clientes deixan na administración pola crenza de que os máis baixos non tocan.
Ás 13.01 horas saía do bombo o número 05721, agraciado cun quinto premio a 60.000 euros a serie. Repartiuse en Vigo, Santiago de Compostela e Pontevedra, en concreto, na administración de lotarías número 8 do centro comercial A Barca. Se ben esta zona comercial está ubicada en terreos de Poio, a administración está rexistrada no Concello de Pontevedra.
Ana Belén Vázquez Vázquez, encargada da administración, explica que venderon un só décimo e non teñen "ni idea de quien pudo comprarlo ni cuando", pois se vendeu por máquina.
Repartiron 6.000 euros, algo case anecdótico no medio da choiva de millóns que tocan neste sorte, pero os propietarios e traballadores da administración celebrárono ao grande, chocando coa mesma euforia as copas de champán que se tivesen multitude de premiados. "La suerte hay que celebrarla para que vuelva".
Neste establecemento "cada vez vendemos más por máquina", aínda que para o sorte deste ano venderon unha cantidade importante de décimos en xeral. "Este año superamos las ventas en todo. Levantamos lo del año pasado", fronte á tendencia de toda a provincia, na que descenderon as vendas un 5%.
Esta é a segunda vez que se reparte un premio do Sorteo Extraordinario de Nadal nesta administración. "Hace cuatro años vendimos un segundo" e repartiron premios importantes noutros sorteos ao longo do ano.