A Policía sorprende un condutor bébedo, seis amigos ofrécense a levarlle o coche e todos dan positivo
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra sorprendeu este domingo a un home conducindo bébedo, comunicoulle que sería denunciado e que o seu coche sería inmobilizado e retirado polo guindastre salvo que houbese outra persoa capacitada para conducilo. Os seus amigos estaban cerca e seis ofrecéronse a levarlle o turismo, pero o ofrecemento caeu en saco roto, pois todos estaban igualmente bébedos e os axentes non llo permitiron.
Os feitos sucederon sobre as 7.30 horas deste domingo na avenida de Bos Aires de Pontevedra. Os axentes municipais estaban realizando un control de alcoholemia e detectaron a este condutor en estado de embriaguez. Sometérono á proba de alcoholemia e deu un resultado positivo de 0,68 miligramos por litro de aire espirado, unha taxa que é constitutiva dun delito contra a seguridade do tráfico, de modo que o atestado e a denuncia foron remitidos ao xulgado.
Tras comunicarlle a denuncia, foi cando lle comunicaron que debía buscar un condutor alternativo ou deixar o coche a disposición do guindastre para o seu traslado ao depósito municipal. O home recorreu aos seus amigos, que estaban nunha zona moi próxima da mesma rúa, como peóns.
Todos eles, os seis que estaban naquel momento no grupo, ofrecéronse voluntarios. Neses casos, a Policía Local está obrigada a someter ao novo condutor a unha proba de alcoholemia, pois a condución desa persoa é, neses momentos, responsabilidade do axente que lle fai entrega das chaves.
Pese a ter a seis amigos dispostos a coller o coche, ningún puido facelo. Todos deron positivo e, ademais catro deles tampouco poderían conducir aínda que non estivesen ebrios, pois perderan todos os puntos e, polo tanto, non tiñan carnet. Iso si, ningún acabou denunciado, pois non chegaron a coller o coche.
O control de alcoholemia tan curioso da mañá deste domingo enmárcase dentro do dispositivo especial posto en marcha pola Policía Local con motivo das festas de Nadal. Nesta época do ano, como vén sendo habitual, intensifican os controis de alcoholemia e, de feito, durante toda a fin de semana realizaron probas por toda a cidade.
Nos controis realizados detectáronse seis condutores que deron positivo, tres deles cunha taxa que acaba en sanción administrativa e outros tres que polo elevado da mesma foron denunciados pola vía xudicial. Ademais, esta fin de semana os axentes municipais localizaron a un piloto que conducía baixo os efectos de substancias estupefacientes e deu positivo no narcotest.