Unha achega de 250.000 euros da Xunta garante a continuidade da unidade de atención temperá de Umia
Por Redacción
A Unidade de atención temperá de Umia, que atende ás familias de Cuntis, Moraña, Portas, Barro, Catoira e Caldas de Reis, terá continuidade. Xa o anunciaran os municipios afectados e este mércores volveu garantilo o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que confirmou o financiamento autonómico que garante o futuro desta unidade tras cinco anos en funcionamento.
O delegado visitou as instalacións, emprazadas no centro de formación ocupacional da Ran, acompañado polos alcaldes de Cuntis, Moraña, Portas, Barro, Catoira o Caldas, Manuel Campos, José Cela, Ricardo Martínez, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Alberto García e Juan Manuel Rey, respectivamente.
Tamén estiveron presentes varios concelleiros de Servizos Sociais e persoal técnico de Cuntis e Portas.
A Consellería de Política Social e Xuventude garante unha achega de 246.118 euros, que garante que o servizo estará operativo alomenos dous anos máis, ata finais de 2024.
Luis López destacou que esta unidade "fai un gran traballo dende o ano 2018", atendendo semanalmente a uns 60 menores con problemas de desenvolvemento grazas a profesionais da psicopedagoxía, a fisioterapia e a logopedia, polo que creo que a súa continuidade "era máis que merecida e necesaria".
O representante da Xunta tamén lembrou o despregamento realizado pola Consellería de Política Social e Xuventude para ampliar estas unidades por todo o territorio co obxectivo de "achegar os servizos públicos a todos os galegos e favorecer a igualdade de oportunidades equilibrando as prestacións nos ámbitos rural e urbano".
A unidade de Cuntis, pola súa posición de centralidade xeográfica, permite que os cativos desta comarca poidan acceder á mesma nunha isocrona de entre 15 e 20 minutos como máximo.