"Hai que dar oportunidades á xente moza. Que se queren traballar aquí, poidan facelo"
Abrir as portas do mercado laboral ao talento da mocidade galega. Ese foi o obxectivo da xornada Emprega Xuventude, que reuniu este mércores no Club Naval de Pontevedra á mocidade que participa neste programa formativo da Xunta de Galicia.
Xunto a eles, ademais das empresas colaboradoras que lles ofrecen os seus primeiros postos de traballo, estiveron entre outras autoridades o presidente do goberno galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
Tras a primeira edición do ano pasado, a Xunta destina neste 2023 case 30 millóns de euros, que servirán para facilitar a contratación duns 2.000 mozos e mozas.
"Queremos dar oportunidades á xente moza. Que se queren traballar aquí, poidan facelo", destacou Rueda na súa intervención, poñéndoos en contacto con empresarios para que estes saiban que "hai xente con moito talento que pide unha oportunidade laboral".
O presidente galego defende que de Galicia "marche quen queira" a estudar ou traballar fóra, pero sostén que "temos que ofertar postos de calidade para que queden na nosa terra" e teñan capacidade para poder desenvolver aquí o seu proxecto de vida.
A este encontro acudiron representantes de empresas de diferentes eidos que se beneficiaron das axudas do programa, así como mozas e mozos contratados a través da convocatoria, que deron a coñecer a súa experiencia no mercado laboral.
Sectores como as TIC, os coidados, a tecnoloxía, a comunicación ou os deportes, necesitados de persoal cualificado, botaron man desta oportunidade que lles permitiu mellorar a súa competitividade e que a mocidade "rompera o teito de cristal" da primeira contratación.
A nova edición de Emprega Xuventude inclúe un programa que subvenciona o primeiro contrato de traballo e oferta con obradoiros de emprego, a iniciativa Talento 30 para prácticas en empresas e un programa de emprego no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.
Con este proxecto, a Xunta tamén quere chegar ao medio millón de galegos "que viven polo mundo" para que regresen a Galicia e teñan empresas "dispostas a contratalos".