Intentan roubar a base dunha cruz de pedra da igrexa románica de Agudelo
Por Redacción
O recinto da igrexa románica de Agudelo, un dos bens patrimoniais máis importantes de Barro, volveu ser vítima dun ataque. Nesta ocasión, dun roubo frustrado que as autoridades municipais xa denunciaron ante a Garda Civil.
A base dunha cruz de pedra, situada sobre o muro que dá acceso ao recinto, apareceu tirada no chan. Ao seu carón apareceron as pegadas das rodas dun vehículo, o que fai indicar que o autor do roubo, tras tirar a pedra ao chan, non foi capaz de erguela polo seu peso.
Operarios municipais xa procederon a recolocar a pedra no seu emprazamento.
Desde o Concello de Barro recordan que este non é o primeiro intento de espoliar elementos do patrimonio da parroquia de Agudelo.
Xa en 2009 desapareceu o mesado do cruceiro de Valbón, situado en pleno Camiño Portugués, e intentárono tamén co mesado do cruceiro situado no recinto da igrexa de Agudelo.