A doutora Laura Busto Leis é homenaxeada en Barro con motivo do Día Internacional da Muller na Ciencia
Por Redacción
Desde fai catro anos o Concello de Barro vén recoñecendo a traxectoria profesional de mulleres veciñas de Barro que pertencen ao mundo científico, para que sexan o espello no que se miren aquelas nenas e mozas que están decidindo neste momento cara onde encamiñar o seu futuro.
A iniciativa "Galería de Mulleres na Ciencia de Barro" naceu co fin de conmemorar este 11 de febreiro no que se celebra o Día internacional da Muller na Ciencia.
Os datos indican que a día de hoxe o mundo científico está ocupado maioritariamente por homes, e que moitas mulleres deciden non escoller a vía científica precisamente por iso. Pois con esta actividade o Concello de Barro quere demostrar todo o contrario, que a ciencia non é só para homes e que as mulleres deben ocupar o espazo que lles corresponde tamén neste eido.
A homenaxeada este ano é a doutora especialista en uroloxía Laura Busto Leis. Laura é unha veciña de Perdecanai nada 1991 que estudou medinica na Universidade de Santiago de Compsotela e na actualidade, despois de aprobar o MIR, traballa como uróloga no Hospital Universitario de Donosti.
A doutora Laura Busto tiña claro desde pequena: "que estudaría algo relacionado coa Sanidade, polo que cando rematei o bacharelato, comecei a carreira de Medicina en Santiago de Compostela." Logo de rematar os estudos decidiu prepara ro MIR: "os 8 meses de preparación da oposición foron os momentos máis duros de toda esta etapa formativa, pola dedicación en exclusiva que esixía, pero isto permitiume acceder e poder formarme na especialidade cirúrxica que me gustaba, a Uroloxía."
Ademais da homenaxe, o alcalde de Barro entregaralle un retrato elaborado pola artista local Aroa Outón, que xa ten realizado os cadros das pasadas edicións, que será colocado na Galería das mulleres na ciencia xunto coas homenaxeadas de anos anteriores e que todas elas son xa referentes para as futuras xeracións de científicas de Barro.
Relacionadas:
-
"A ecuación buscada é a da igualdade, a solución correcta é a do equilibrio"
Por Oskar Viéitez |
-
O CIM levará aos colexios de Sanxenxo os talleres 'Mulleres con Ciencia'
Por Redacción |
-
'A foto 51' ou como loitar para que as mulleres deixen de ser invisibilizadas na ciencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |