A Xunta ofrece 112.000 metros cadrados de solo industrial na Reigosa a prezo bonificado
Por Redacción
A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur, ofrece este ano 112.000 metros cadrados de solo industrial nunha ducia de parcelas urbanizadas no polígono da Reigosa a prezos bonificados entre o 30% e o 50%.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou un proxecto ao Consello da Xunta no que avanza que, no caso de venderse a totalidade da superficie ofertada, as empresas interesadas poderían beneficiarse de descontos sobre o prezo das parcelas.
Así mesmo, a Xunta tamén ofrece a posibilidade de acceder a solo a través doutras tres modalidades: adxudicación en dereito de superficie a cambio do pago dun canon reducido (que oscila entre os 0,75 euros por metro cadrado e ano e os 3,12 euros por metro cadrado e ano); arrendamento; ou compravenda con pago aprazado ata en 8 anos.
Este luns, 13 de febreiro, Xestur convocará un novo concurso para a adquisición de 517.720 metros cadrados de solo empresarial, repartidos entre 215 parcelas de 18 polígonos de toda Galicia.
O solo empresarial dispoñible en Galicia complétase tamén coa superficie propiedade do IGVS, que ofrece 288.687 metros cadrados para a venda, distribuídos en 142 parcelas de 18 parques.
BONIFICACIÓNS
A política de bonificacións da Xunta deu como resultado a adxudicación, entre os anos 2015 e 2022, de preto de 2,9 millóns de metros cadrados, dos cales case o 88% se venderon con bonificacións de ata o 50%.
Máis polo miúdo, o solo adxudicado en compravenda (máis de 2,5 millóns de metros cadrados) supuxo o desembolso por parte dos adquirentes de máis de 142 millóns de euros, despois de que se lle aplicaran bonificacións no prezo por importe de 83 millóns de euros; mentres que as parcelas asignadas en dereito de superficie teñen un valor de máis de 22,2 millóns de euros.
En total, foron 565 as empresas adxudicatarias de solo neste período (tanto en compravenda como en dereito de superficie) e estímase que das operacións realizadas nos últimos 8 anos derivouse un investimento indirecto superior aos 800 millóns de euros, coa creación de máis de 8.000 empregos.
Relacionadas:
-
Xestur adxudica dúas parcelas no parque empresarial da Reigosa por máis de 950.000 euros
Por Redacción |
-
Andrés Díaz pide á Xunta a ampliación do polígono empresarial da Reigosa
Por Redacción |
-
A central de transportes modifica os seus usos e ábrese a proxectos industriais e terciarios
Por Oskar Viéitez |
-
Arranxan os viais do polígono empresarial da Reigosa
Por Redacción |