Rouba un coche navalla en man en Marín e foxe con el ata que o localizan no Vao
Por Natalia Puga
A Policía Nacional logrou deter a un individuo que supuestamente fuxiu entre Marín e Pontevedra cun coche que roubara a punta de navalla. Trátase dun marinense de 39 anos con antecedentes policiais ao que se atribúe un delito de roubo con intimidación polo que xa pasou a disposición xudicial.
Os feitos sucederon sobre as 11.00 horas do 19 de decembro. Unha persoa chamou á Comisaría alertando da sustracción dun vehículo en Marín. A propietaria acababa de estacionar e dispoñíase a pechar o coche coas chaves na man cando foi abordada por un individuo.
O home supostamente sacou unha navalla do peto e esixiulle de forma amenazante que lle entregase as chaves. Cando llas deu, subiuse ao coche e saíu fuxindo en dirección Pontevedra.
Inmediatamente estableceuse un dispositivo policial con axentes das comisaría de Marín e Pontevedra para intentar localizar ao presunto autor da sustracción do vehículo. Un dos axentes que se atopaba pola zona do poboado do Vao localizou o vehículo nas inmediacións e procedeu á identificación e detención do condutor.
O individuo recoñeceu ter substraido o vehículo parar dirixirse ao citado poboado e os axentes localizaron no interior do mesmo a navalla supostamente empregada para ameazar á propietaria.