Lores tilda de "covarde" ao PP por ocultar o arquivo da investigación sobre os terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño
O arquivo da investigación aberta pola Fiscalía, por mor dunha denuncia do Partido Popular, sobre o contrato de alugueiro dos terreos para a planta de compostaxe prevista na Canicouva, sacudiu este mércores a política municipal.
Preguntado sobre esta decisión xudicial, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, defendeu a honestidade do seu goberno municipal e reiterou que "poden buscar o que queiran e poñer todo patas para arriba que non caerá nin calderilla".
Para Fernández Lores, que o PP soubese "desde hai tempo" que se arquivou o proceso e ocultase esa información, "é unha actitude covarde", xa que a presentación da denuncia foi anunciada publicamente polo líder dos populares, Rafa Domínguez.
"Preocúpanos esa forma de actuar", subliñou o alcalde pontevedrés, que considera que iso traslada á cidadanía unha imaxe "marrullera".
A este respecto, Lores pediu a Domínguez que "deixe de ser unha forza escura" contra os intereses de Pontevedra, xa que considera que o seu comportamento "interfire e perturba" o funcionamento da administración municipal e xera traballo adicional aos seus funcionarios.
O alcalde engadiu que "non me parece correcto" nin a presentación "sistemática" de denuncias contra actuacións do Concello nin que "oculte" que se arquivan as investigacións iniciadas por mor de procedementos impulsados polo PP.
"Que pida desculpas e se preocupe de presentar proxectos de futuro para esta cidade", sentenciou Fernández Lores, que ironizou con que "igual é por iso" que acoden aos xulgados porque "non teñen ou seu proxecto moi claro".
Ademais de arquivar a denuncia sobre o contrato, a Fiscalía tomou a mesma decisión sobre as que se presentaron, a título particular, contra os edís Carme da Silva e Raimundo González, pola súa participación neste proceso como responsables da xestión de residuos.
O segundo deles subliñou que el non tiña "ningunha preocupación" por esta investigación e defendeu que o fiscal "actuou correctamente", non así o PP ao que acusou de querer "encerillar" este asunto e facelo transmitindo "falsidades".
"Como saíron escaldados non dixeron nada", sinalou Raimundo González, para quen as cousas "parece que non lle pintan moi ben" aos populares para as inminentes eleccións municipais "ou non estarían a presentar estas cousas".
Relacionadas:
-
O Tribunal de Contas dá o carpetazo definitivo á denuncia do PP polos terreos da planta da Canicouva
Por Natalia Puga |
-
O Tribunal de Contas non ve responsabilidade contable no caso do terreo para a planta de compostaxe na Canicouva
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O xulgado obriga o Concello de Pontevedra a manter o pago polos terreos da planta de compostaxe na Canicouva
Por Redacción |
-
O contrato dos terreos da Canicouva, agora a exame do Tribunal de Cuentas
Por Alejandro Espiño |
-
A Fiscalía non ve delito no aluguer dos terreos da Canicouva e arquiva a denuncia do PP
Por Natalia Puga |
-
Domínguez visita A Canicouva: "non reúne as condicións para que unha mini Sogama se instale aquí"
Por Redacción |
-
A Fiscalía investiga o contrato municipal polos terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez denunciará ante a Fiscalía tres contratos do goberno local
Por Redacción |