Unión entre os veciños de Amil ante a preocupación por tres parques eólicos
Por Redacción
Máis dun centenar de veciños de Amil reuníronse para mostrar a súa preocupación ante a construción de ata tres parques eólicos que rodearán a súa parroquia e que, segundo souberon, atópanse en distintas fases de tramitación.
A falta de información sobre estes proxectos é o que lles levou a organizarse para reclamar os estudos de viabilidade dos parques, que consideran cheos de omisións que poden poñer en perigo a fauna, flora e, sobre todo, a calidade de vida das persoas.
Na reunión, que contou coa presenza de representantes de todos os partidos políticos de Moraña, así como de comunidades de montes e veciños doutros concellos, discutíronse os riscos que implicaría a construción dos parques eólicos na zona.
Denuncian que se fragmentaría o territorio e tería un gran impacto na fauna e a flora local, así como no patrimonio cultural e turístico. Os veciños esperan que a súa loita consiga frear a construción destes polígonos eólicos e protexer o patrimonio natural e cultural da zona.
Un dos parques, o de Acibal, xa ten declaración de impacto ambiental positiva desde o ano pasado, a pesar de construírse a escasos metros de varios petróglifos catalogados como ben de interese cultural e das Brañas de Amil, onde se celebra cada ano a Rapa das Bestas de Amil.
Pola súa banda, o polígono Anduriña preténdese situar tamén nos arredores das Brañas de Amil, nos concellos de Barro, Moraña, Pontevedra e Campo Lameiro.
Este polígono atópase en fase de alegacións e a súa promotora é Green Capital, a mesma que a do seguinte polígono, o Zudreiro, que os veciños reclaman como unha fragmentación artificial en dous parques do mesmo.
Un dos primeiros pasos deste colectivo será realizar alegacións ao proxecto Anduriña, xa que o prazo aínda se atopa aberto. Para aqueles que desexen sumarse á causa e facer oír a súa voz, atópanse dispoñibles alegacións para asinar nas tabernas de Amil.
Relacionadas:
-
Bará advirte da tramitación "irregular" para crear o parque eólico Carballoso, que afectará na Lama
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |
-
Xeve, en pé de guerra ante o panorama "terrorífico" de estar rodeado por tres parques eólicos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Moraña alegará contra os parques eólicos de Anduriña e de Zudreiro
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade sustenta nun informe da empresa Tysgal as 25 alegacións contra o Parque Eólico Monte do Pé
Por Oskar Viéitez |
-
Presentan máis de 600 alegacións ao proxecto do Parque Eólico de Monte do Pé
Por Redacción |
-
Conceden autorización administrativa previa ao parque eólico do monte Acibal
Por Redacción |