A Mancomunidade do Morrazo estrea un servicio de recollida a domicilio de residuos de gran volume
A Mancomunidade do Morrazo comeza esta semana unha iniciativa que se pon en marcha co obxectivo de erradicar a problemática asociada á proliferación de residuos de gran volume debido á mala imaxe e á sucidade que causan. Trátase dun servicio de recollida de mobles e aparellos a domicilio dispoñible para a poboación.
As persoas que queiran desfacerse de mobles ou outros obxectos de gran tamaño deberán chamar previamente ao teléfono 900725425. A partir dese momento indicaráselles a data de recollida no enderezo postal que indiquen os cidadáns quedando terminantemente prohibido o depósito de voluminosos á beira dos contedores.
Félix Juncal, presidente actual da mancomunidade e alcalde do Concello de Bueu, destaca que “trátase de seguir implementando medidas para reducir a presenza de residuos nas rúas e concienciar á cidadanía da necesidade de xestionar adecuadamente o lixo que xeramos”.
A campaña ten como obxectivo principal mellorar de xeito substancial a limpeza das rúas con redución dos custes asociados e renovar a imaxe das zonas comerciais.
A Mancomunidade do Morrazo tamén quere evitar que este tipo de residuos interfiran noutros fluxos de recollida de papel e cartón, evitar o enchido e saturación dos contedores azuis de recollida selectiva destinados ao uso da cidadanía, e recoller de maneira sostible unha maior cantidade de papel e cartón para introducilo no circuíto da reciclaxe.
Ademais, dende o Concello de Bueu aseguran que se conseguirá a medio prazo un aforro de enerxía, emisións e materias primas, conseguindo unha reciclaxe de calidade e potenciando o coidado do medio ambiente.
Tamén se puxo en marcha o servizo selectivo de recollida de biorresiduos “porta a porta” para a hostalaría, por ser estes locais os principais xeradores de residuos orgánicos.
Con esta campaña, o ente supramunicipal implanta as normativas europea e estatal, que esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025.