Carmela Silva asegura que a Deputación de Pontevedra é a administración "máis útil" para os concellos
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra investiu 90,7 millóns de euros desde o ano 2016 nos concellos de Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Moraña, Poio, Ponte Caldelas e Portas.
Este investimento fixo posible a execución de 941 obras, a creación de 1.259 empregos e a organización de case tres mil actividades socioculturais.
Estes datos foron facilitados este luns pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nun almorzo informativo que tivo lugar en Combarro. "Nunca houbo unha administración tan útil para estes concellos", destacou.
Carmela Silva deu conta dos investimentos realizados pola institución provincial na comarca de Pontevedra sen incluír á capital, xa que esta conta con convenio propio e, do mesmo xeito que Vigo, está excluída do Plan Concellos.
Segundo os datos ofrecidos por municipios, durante este período 2016-2023, no concello de Poio o investimento da Deputación foi de 16 millóns de euros; en Barro de 9,3 millóns; en Moraña de 7,2; Cuntis de 7,9; Caldas de Reis 10,8; Cerdedo-Cotobade 11,4; A Lama 6,9; Campo Lameiro 5,2; Portas 5,5 e en Ponte Caldelas de 8,1 millóns de euros.
Todo iso, segundo recalcou Carmela Silva "cuns criterios claros e obxectivos, aparcando o caciquismo e o clientelismo que é onde se move o Partido Popular, antes gobernando na Deputación e agora na Xunta".
A presidenta, neste exhaustivo repaso, detallou que en materia de Cohesión destináronse máis de 4,8 millóns de euros para os servizos sociais municipais e unhas 10,318 persoas participaron nas actividades organizadas desde a Deputación.
Nestes dez concellos a administración provincial organizou 2.230 actividades culturais e 271 actividades para promover a Igualdade e a loita contras as violencias machistas.
Mención aparte fixo a presidenta aos 2,3 millóns de euros destinados a construír o novo Parque de Maquinaria en Barro, os 200.000 euros para a construción da Vía Verde do Salnés ou os 1,4 millóns de euros en actividades de promoción e dinamización turística.
Ademais a Deputación de Pontevedra destinou para estes concellos e durante esta etapa uns 800.000 euros no ámbito do deporte que beneficiaron a 52 clubs, 57 deportistas e 13 escolas deportivas.
Tamén se dedicaron 65.000 euros en axudas para as confrarías de pescadores e mariscadores así como para cooperativas agrogandeiras, outros 65.000 do Plan Revitaliza para implantación da compostaxe, case 125.000 euros en parques forestais, 135.000 euros no mantemento de campos de fútbol, 395.000 euros en subvencións para os grupos de emerxencias e 146.500 euros para defender o patrimonio.
Finalmente, nesta dación de contas Carmela Silva incidiu en que a Deputación axudou a estes concellos a captar 4,1 millóns de euros de fondos europeos.