O Manifesto da Deputación polo 8 de marzo reclama a unidade do movemento feminista
Por Oskar Viéitez
A lectura do Manifesto polo 8 de marzo, redactado pola maxistrada do Tribunal Constitucional María Luisa Balaguer Callejón, e un minuto de silencio con motivo do primeiro aniversario da guerra en Ucraína, precederon ao Pleno celebrado este venres pola Deputación.
O Manifesto polo Día Internacional da Muller fixo este ano unha apelación directa á unidade do movemento feminista, evitando divisións que debiliten a loita, e alertou contra a "cousificación" do corpo das mulleres como os intentos de legalizar as maternidades subrogadas ou a tolerancia social coa prostitución. A lectura do texto da maxistrada do Constitucional estivo a cargo da xefa do servizo de Igualdade, Lucía Muradas.
Xa durante a sesión plenaria, deuse a coñecer que as obras de emerxencia para a volver poñer en servizo as estradas provinciais de O Vao-Campañó e Sabarís-Belesar (Baiona), que sufriron importantes danos tralos temporais de choiva dos pasados meses, avanzan a moi bo ritmo. O Pleno provincial coñeceu as resolucións presidenciais polas que se adxudicaron estas dúas actuacións, que totalizan 235.000 euros euros.
No Pleno tamén se aprobou o proxecto para a gran obra integral de mobilidade peonil na estrada de Almofrei cun orzamento de 946.599 euros e o procedemento administrativo para ofertar as últimas 19 parcelas dispoñibles do polígono de Barro, que totalizan 68.541 metros cadrados. O prezo das parcelas é de 119,79 euros por metro cadrado, IVE incluído.
MOCIÓN DO PP
Na sesión plenaria foi rexeitada cos votos en contra do Partido Socialista e do BNG unha moción do Partido Popular sobre o despregamento da banda ancha no rural. O deputado socialista Carlos López Font afirmou que "pedir lo que ya está haciendo es tan poco serio que parece una idea del loro Ravachol".
Unha segunda moción do Partido Popular para que a Deputación financie os xeodestinos turísticos da provincia propiciou un debate no que a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, sinalou "o caciquismo da Xunta de Galicia no reparto das subvencións" destinadas á promoción turística na nosa provincia en relación cos concellos. A moción, pola que o PP reclamaba fondos provinciais para estas figuras, tamén foi rexeitada polos votos dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG por representar "un modelo moi diferente de entender a promoción da provincia líder do turismo de Galicia, haxa Xacobeo ou non".
O voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela lamentou que "traer propostas en favor e defensa dos concellos é perder o tempo con vostedes" e reprochou que PSOE e BNG "rexeiten por sistema mocións construtivas e a favor dos concellos".
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
Por outra banda, o Pleno aprobou unha modificación de créditos de 2.688.298 euros para "dar un novo impulso á continua chegada de fondos europeos á provincia" no marco de programas deseñados dende a Administración que preside Carmela Silva. O acordo, que foi aprobado cos votos favorables do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do PP, incorpora o financiamento para accións xa en marcha e senta as bases doutras novas que se espallarán por toda a provincia.
Relacionadas:
-
A Deputación mobiliza outros 11,1 millóns de euros "para seguir garantindo dereitos e servizos na provincia"
Por Oskar Viéitez |
-
'Mulleres en Loita', de Amnistía Internacional, amosará historias de activistas no Gastroespazo do Mercado
Por Redacción |
-
"Sempre houbo, hai e haberá mulleres. Neste libro podes atopalas"
Por Natalia Puga |
-
Poesía, música e unha filla da figueira de Rosalía renden homenaxe á "autora máis representativa das nosas letras"
Por Redacción |