Trece locais da hostalaría de Bueu crearán as súas propias tapas nas 'Xornadas gastronómicas en feminino'
Entre o 8 e o 12 de marzo celebraranse en Bueu as 'Xornadas gastronómicas en feminino', unha iniciativa para poñer en valor o papel das mulleres na cociña.
Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un total de trece locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Bea Sotelo, unha cociñeira natural da comarca do Morrazo que conta cunha Estrela Michelín e que, segundo aseguran dende o Concello de Bueu, é todo un referente a nivel culinario.
A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila que, segundo afirman as institucións, é unha das máis potentes da comarca. Tal e como salientan dende a organización destas xornadas, "o que buscamos é sacar ás mulleres das cociñas de Bueu fóra e poñerlles cara, que saían da invisibilidade".
Os locais que participarán son Buena Vibra, Casa Benito, Noite Tapas, O Ratiño Pequeno, La Zarzamora, Pyramis, Vinoteca A Cepa, A Centoleira, Esmorga, Aturuxo Bar, Morriña, Restaurante Casa Quintela e O Farol, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3,50 euros, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Bea Sotelo.
Ao longo dos próximos días, dende o Concello de Bueu aseguran que irán desvelando nas redes sociais de Instagram e Facebook tanto os nomes e fotografías das tapas como os equipos das cociñas dos locais participantes. Ademais, inciden en que a campaña está deseñada para xerar un gran impacto visual e chegar a moitas franxas de poboación, co fin de unir a gastronomía e os produtos locais coa igualdade entre mulleres e homes.
Relacionadas:
-
8M | Bueu reclama unha "resposta coordinada" para alcanzar unha igualdade real
Por Redacción |
-
Raquel Álvarez, gañadora dos VII Premios Sofía Novoa, protagonista do 8M en Bueu
Por Redacción |
-
"A nosa voz, o noso espazo. Os nosos dereitos", lema da Deputación na "intensa" programación do 8M
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas semanas para conmemorar a igualdade e o 8M en Ribadumia
Por Redacción |