O papel da xestión forestal sostible na economía dos pequenos propietarios galegos
Ence xestiona directamente en Galicia preto de 10.500 hectáreas de cultivos forestais e ten relación directa con propietarios de montes, provedores, asociacións e subministradores, aos que compra madeira por valor duns 100 millóns de rendas anuais. A transición cara á bioeconomía e o aumento na demanda de madeira suporá un impulso para o desenvolvemento e a xestión sostible e produtiva das masas forestais.
A compañía aposta por unha relación directa co propietario ou comunidade de montes, que permite trasladar a este unha parte importante da xeración de riqueza derivada da xestión forestal.
Esta conexión establécese a través do amplo equipo técnico de profesionais que ofrecen un asesoramento personalizado para a mellora do estado das masas forestais e aumentar a produtividade e rendibilidade das mesmas, así como o cumprimento dos estándares de calidade e sustentabilidade.
Sara Vale Pena e Manuel Calvo Rey son dous destes propietarios.
O RETO DE XESTIONAR 1.300 HECTÁREAS
Sara Vale Pena é a presidenta da Asociación de Silvicultores Costa Norte (A.S. Costa Norte), que agrupa a 180 selvicultores e propietarios forestais que posúen terreos principalmente nos concellos coruñeses de Ortigueira e Mañón, con algunha presenza no veciño municipio lugués do Vicedo.
A suma das propiedades catastrais adscritas á asociación alcanzaba a finais de 2022 máis de 1.300 hectáreas.
Nestas parcelas obtéñense aproveitamentos principalmente do eucalipto, e na compra desta madeira aos propietarios forestais por parte de Ence o papel da Asociación de Silvicultores Costa Norte é fundamental.
"Como asociación, nós damos o servizo total ao propietario. Cando imos ao monte vai o comprador de Ence, o de aproveitamentos, o propietario e un representante da asociación, e a partir de aí vese os requisitos que se necesitan, como abrir unha pista, agrupar parcelas de pequenos propietarios... Despois xestionamos nós toda a documentación do propietario con Ence e Ence connosco", explica Sara Vale.
Podemos xerar máis de 600.000 euros directos en menos dun ano, entre propietarios, equipos e camioneiros
A relación entre Ence e a asociación dos silvicultores de Ortigueira e Mañón é clave para o fomento da economía rural. "Somos dous concellos que case o 80% do terreo é forestal. Podemos xerar máis de 600.000 euros directos en menos dun ano, entre propietarios, equipos e camioneiros, deixando aparte o secundario", apunta Vale Pena.
Esta colaboración consolidábase en setembro de 2018 tras a adhesión da Asociación de Silvicultores Costa Norte ao Programa de Fidelización para produtores forestais de Ence. Unha iniciativa coa que Ence contribúe a mellorar a xestión forestal e premia a fidelidade das asociacións de propietarios con puntos trocables por servizos que ofrece a compañía, como planta mellorada, fertilizante, tratamentos fitosanitarios, rozas, mantemento de pistas e devasas...
O VALOR DO MINIFUNDIO FAMILIAR
Manuel Calvo Rey é técnico superior en Medio Ambiente e responsable da firma Spartana, empresa especializada en desinfección. O seu caso é o dun pequeno propietario que xestiona parcelas tipo minifundio propiedade de varios familiares que suman en conxunto algo máis de 6 hectáreas, repartidas entre os termos municipais de Negreira, Brión e A Baña.
"Ence é quen nos subministra a planta, que é moi adecuada para a nosa zona, e ao final é a quen lle acabas vendendo a madeira", resume Calvo Rey. Ter o respaldo dunha empresa experimentada para xestionar as distintas fases da produción forestal é unha garantía para que estes pequenos propietarios poidan obter un aproveitamento eficaz de todos os recursos das súas parcelas.
"Eu sempre dixen que o monte é o banco da xente do rural, historicamente na miña zona se querías botar o tellado á casa vendías uns paus, eucaliptos ou pinos, ou se facía falta comprarlle un coche ao rapaz que acababa de sacar o carné, por exemplo. Ao final o monte é unha maneira de ter un investimento, e cando chega a túa quenda de talla tes un diñeiro", reflexiona Manuel Calvo.
Ter persoas de referencia na zona que traballan para Ence e che asesoran con todos os trámites é fundamental
Na súa zona a propiedade do monte repártese entre minifundios, de modo que o aproveitamento forestal "non é unha actividade á que poidas estar dedicado ao cen por cen. Por iso poder venderlle a Ence dáche a garantía de que non vas ter problemas, porque eles vanse a encargar dos permisos, o tema burocrático e administrativo, e en botarche unha man en todo o que necesites", afirma Calvo Rey.
"Ao final tes unhas persoas de referencia e a confianza nesa xente é algo fundamental. O pequeno propietario vende madeira cada dez, quince ou vinte anos, e nese tempo pasas moi desconectado do mercado, entón ter persoas na zona que traballan para Ence e che asesoran con todos os trámites é fundamental", matiza este pequeno propietario.
Xa sexa como fonte de ingresos principal ou como apoio á economía familiar, a actividade forestal constitúe un dos eixos sobre os que se asenta a continuidade da poboación no rural de Galicia. "O rural o que necesita para estar vivo son actividades económicas e que a xente poida quedar aquí e gañar diñeiro. No rural basicamente hai catro sectores: agricultura, gandería, forestal e turismo. Se perdes un deles, perdes un 25 por cento da economía, e ao final é moi necesario", remata Manuel Calvo Rey.
Relacionadas:
-
A madeira galega contribúe estratexicamente á bioeconomía circular e sostible
Por Noticia patrocinada |
-
O compromiso de Ence con Galicia: bioeconomía, desenvolvemento do rural, creación de emprego e xestión sostible
Por Noticia patrocinada |
-
Bioeconomía forestal, fronte á crise enerxética e climática
Por Noticia patrocinada |