Ponte Caldelas estrea un mural colaborativo sobre o 8M en Chan da Barcia
Por Redacción
Máis dunha ducia de persoas participaron na elaboración do mural colaborativo que, con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, vén de estrear Ponte Caldelas nun lateral do pavillón de deportes de Chan da Barcia.
O mural foi deseñado por Javier Carrera 'Cuco' e contou coa colaboración de Maritza Berttolini, artista mexicana afincada en Pontevedra e xestora dun club de bordado feminista.
A intervención representa as mulleres a través de rostros femininos elaborados nunha ampla gama cromática que, ao tempo que enfatiza na igualdade, amosa unha extensa diversidade.
O pavillón foi elixido para a súa instalación, destaca o goberno municipal, porque é un espazo no que a mocidade de Ponte Caldelas se xunta para a práctica do deporte e que é moi visible dende a entrada á vila desde a rotonda de Pazos.
Esta é a primeira das actividades con motivo do 8M que se realizan en Ponte Caldelas.
Continuarán o propio 8 de marzo cun acto na Casa da Cultura, ás 20:30 horas, no que se realizará a lectura de varios poemas por parte de colectivos da vila e que contará coa actuación musical do grupo Gure Terra.
A última das actividades será a presentación do libro Frágil. Flores o Bombas, da escritora afincada en Regodobargo, Chus González del Río. Será o venres 10 de marzo ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.