O alcalde proxecta un centro comercial no centro da Lama
Por Redacción
O Concello da Lama acaba de poñer en marcha un proxecto para crear un centro comercial no aparcadoiro situado fronte ao centro de saúde da localidade, no centro da vila.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o tenente de alcalde, David Carrera, supervisaron os últimos detalles do proxecto construtivo do novo edificio este xoves.
Este novo edificio permitirá poñer a disposición dos emprendedores do municipio 400 metros cadrados que serán destinados a ubicar establecementos comerciais.
Desde o Concello explican que decidiron poñer en marcha este proxecto pola falta dunha infraestrutura necesaria para albergar este tipo de negocios.
Jorge Canda explica que son "conscientes da dificultade" que teñen os emprendedores para atopar un local axeitado para abrir os seus negocios. Iso está provocando que o fagan noutros municipios ou que manteñan conxelada a posta en marcha dos seus negocios.
A construción deste novo edificio terá un custo aproximado duns 500.000 euros e permitirá manter o mesmo número de prazas de aparcamento gratuítas no centro da vila, pero coa vantaxe de que estarán a cuberto porque os baixos dese edificio estarán totalmente accesibles para que a xente poida seguir estacionando os seus vehículos.
Canda avanzou este xoves que nos vindeiros días van trasladar á Consellería de Política Social a proposta de transformar a parte baixa do edificio que alberga os talleres e o departamento de obras do Concello nunha gardería que dea atención á demanda crecente que se está a detectar no municipio e que se prevé vaia en progresión ao longo dos vindeiros anos.