Rompe un sinal de tráfico, foxe da Policía e intenta agredir o axente que lle dá o alto
Por Natalia Puga
Un mozo de 23 anos veciño de Vilagarcía de Arousa rematou arrestado en Pontevedra na madrugada do día de Nadal por intento de agresión e desobediencia á autoridade e será denunciado por esnaquizar un sinal de tráfico.
Todo comezou sobre as 7.50 horas da madrugada do 24 ao 25 de decembro. Unha patrulla da Policía Local encontrábase pola rúa Cobián Roffignac e viu unha cuadrilla de varios mozos na vía pública. De súpeto, un deles descolgouse do grupo e danou un sinal de restrición de estacionamento.
Segundo informou a Policía Local, os axentes municipais presenciaron o incidente e trataron de dar o alto ao individuo, que comezou unha fuxida rúa arriba, tomou dirección cara á rúa Rouco e chegou á praza de Barcelos. Durante o traxecto déronlle o alto varias veces, pero non lograron retelo ata chegar a Barcelos.
Cando os axentes trataron de identificar o individuo para denuncialo por danar o mobiliario urbano, este opuxo resistencia. Desencadeouse un incidente no que o rapaz intentou agredir un policía e finalmente rematou detido por desobediencia á autoridade por fuxir dos axentes e por intento de agresión.