"En 200 días Pontevedra volverá escribir un novo capítulo da súa historia"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Pontevedra celebrou este venres que en 200 días volverá escribir un novo capítulo da súa historia como primeira cidade do Estado en acoller a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, unha cita que pode achegar máis de 10.000 persoas ata a Boa Vila.
A Praza de España acolleu este acto oficial de presentación "do que está por vir", o maior evento deportivo de Galicia no ano 2023 e un dos máis importantes do Estado.
A bandeira da Gran Final das Series Mundiais foi izada como símbolo internacional da competición que en setembro converterá a Pontevedra nun escaparate internacional da súa gastronomía, o seu patrimonio e o seu modelo de cidade e organización. Unha cita que o Concello agarda teña "un retorno enorme".
O evento estivo dirixido por Rodrigo Vázquez, xornalista gañador do Mestre Mateo na categoría de mellor comunicador en lingua galega. Comezou ás sete da tarde cunha performance de Pablo Méndez que deu paso a un acto institucional coa participación da Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Concello, xa que "este será un evento que beneficiará a todos os galegos".
Polo escenario da Praza de España tamén concurriron distintas personalidades deportivas como Susana Rodríguez Gacio, actual campioa do mundo de paratriatlón, Natalia Castro Santos, Pablo Dapena ou Mónica Flores Ferreiro.
O alcalde destacou que "hoxe imos izar unha bandeira coa que hai dez anos nin soñaríamos con facelo, pero fomos quen de avanzar como cidade, fomos quen de sermos unha referencia, algo que nos abre portas de cara ao mundo".
"Queda claro que a Boa Vila non só dá de beber a quen pasa, senón que acolle, coida e anima a ese paseante. Podo asegurarvos que todos os triatletas que correron aquí lémbranse da cidade e, por iso, moitos seguen volvendo", dixo Lores.
"Hoxe celebraremos a idea de seguir medrando e de seguir expectantes polo que está por vir, por seguir sendo unha cidade coa capacidade de acoller eventos deste tipo e mesmo máis grandes, seguir sendo un referente no mundo coa súa mobilidade e accesibilidade, seguir usando as rúas para xogar, camiñar, coñecernos, competir... En definitiva, vivir", afirmou o alcalde no seu discurso.
Logo do acto institucional, chegou o concerto de Tanxugueiras.
Relacionadas:
-
Pontevedra abre camiño a Málaga, designada como sede da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en 2024
Por Diego Espiño |
-
Tanxugueiras e Trece Amarillo, unha 'simbiose' que renova o seu éxito con "Aire"
Por Alejandro Espiño |
-
Desvelados os circuítos definitivos e horarios para a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Diego Espiño |
-
Sons de Ánkar adiántase a abril con Tanxugueiras como cabeza de cartel
Por Alejandro Espiño |
-
A gran final das World Series de tríatlon de Pontevedra suman máis de 30 rexistrados en menos de 24 horas
Por Redacción |
-
As inscricións para a gran final das series mundiais de tríatlon de Pontevedra abren este martes
Por Redacción |
-
Un concerto de Tanxugueiras para iniciar a conta atrás para Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Almu Dapena |
-
Pontevedra aspira a superar os 40 millóns de retorno da final das World Series de Róterdan 2018
Por Manu Otero |
-
Definido o calendario da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A bandeira da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, preparada para ondear en Pontevedra
Por Diego Espiño |