Tres tartarugas e un lobo mariño recupéranse na Illa de Arousa antes de volver ao seu medio natural
Por Redacción
O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, acolle desde hai uns días á tartaruga Coviña e ao león mariño Comba, que foron rescatados e recollidos semanas atrás nas costas galegas.
Estes dous exemplares súmanse ás tartarugas Nemiña (que chegou a finais do ano pasado) e Ferdylan (a mediados do mes de febreiro), o que fai que sexa a primeira vez que se atopan tantos animais en fase de recuperación no centro.
No caso de Comba, trátase dunha femia cachorro de lobo mariño que apareceu na Praia de Santa Comba en Ferrol o 12 de xaneiro.
Tras ser recollida pola unidade móbil da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), foi ingresada na UCI que esta entidade ten en Nigrán xa que presentaba síntomas de desnutrición. Debido a que a súa evolución foi favorable, esta semana foi trasladada á piscina de auga mariña do Igafa para completar a súa segunda e última fase de recuperación.
Pola súa banda, Coviña, unha tartaruga común, quedou atrapada nas redes dun barco pesqueiro o 13 de xaneiro en Cabo Prior.
Despois de pasar a revisión inicial por parte do equipo veterinario da Rede de Varamentos de Galicia, foi ingresada na UCI da Cemma onde se mantivo en observación ata constatarse que tamén podía ser trasladada ás instalacións do instituto na Illa de Arousa para finalizar a súa rehabilitación antes de ser devolta ao mar.
Os catro animais contan cun espazo individual para cada un no centro da Illa de Arousa co fin de favorecer a súa progresión e contan coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto no seu coidado.
De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños e o fomento da sensibilidade medioambiental.
Relacionadas:
-
Nemiña e Coviña, dúas tartarugas que parten de Vilaxoán rumbo ao Caribe
Por Redacción |
-
A Xunta oferta 12 prazas para un curso de recolector de recursos con técnicas de mergullo
Por Redacción |
-
O IGAFA da Illa de Arousa acolle á tartaruga Nemiña para a súa recuperación
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A tartaruga Vilán xa está recuperada e regresa ao mar
Por Almu Dapena |