Baiuca e Fillas de Cassandra animarán a Gala Provincial de Turismo
O Auditorio Mar de Vigo acollerá a Gala Provincial de Turismo, prevista para o venres 10 de marzo ás 19:00 horas. Este luns Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, presentou este evento no Pazo Provincial e afirmou que o acto terá unha capacidade máxima de 400 persoas.
O evento seguirá a liña temática da campaña de turismo da Deputación 'Orixe Rías Baixas' e porá o foco no patrimonio inmaterial da provincia.
A presentadora que conducirá a gala será Alicia Armenteros, actriz pontevedresa que deu o salto á pantalla coa serie 'O Sabor das Margaridas'. Tamén participarán Alejandro Guillán, músico de Catoira coñecido artísticamente como 'Baiuca'; a compañía Nova Galega de Danza; Fillas de Cassandra, o dúo de viguesas que mestura música tradicional con electrónica e que, segundo a presidenta, "van dar moito que falar"; Duelirium, cunha actuación de circo vertical que contará con dúas bailarinas; e Mónica de Nut, cun espectáculo que seguirá a temática da gala.
Silva asegurou que estas exhibicións "encherán de cultura, de orgullo, do que somos, do que fumos e do que seremos".
Ademais, nomearanse as novas embaixadoras 'Rías Baixas 23', mulleres que contan con premios nacionais ou galegos de Artesanía como Elena Ferro, Paula Ojea, Ana Tenorio, Marta Armada e Virginia Rodríguez Lorenzo, ás que se lles entregarán como distintivo esculturas realizadas con material reciclado por Lucía Caeiro. Por outra banda, otorgaranse os galardóns da primeira edición dos 'Premios Turismo Sostible Pontevedra Provincia' da que se coñecerán os gañadores no propio acto.
A presidenta adiantou que se proxectará un vídeo 3D cuxo contido non será desvelado ata o evento e, como todos os anos, durante a Gala a Deputación de Pontevedra realizará o reparto dos diplomas ás 165 empresas da provincia que acadaron ou renovaron este ano os seus distintivos SICTED. Trátase dun recoñecemento cunha validez de dous anos e que posúen en total 329 empresas da provincia.
En relación ao turismo, Silva concluiu a presentación dicindo que "as Rías Baixas están de moda" e destacou a "desestacionalización" que está a facer a provincia de Pontevedra ao organizar numerosos eventos fóra dos meses de xullo e setembro.